O documental "O rural é de todas" reivindica o papel da muller nese ámbito

Presentación desta campaña audiovisual por parte da Deputación. (Foto: Deputación da Coruña)
O proxecto audiovisual foi presentado esta quinta feira pola Deputación da Coruña. As participantes no acto telemático comentaron que a peza pode verse na plataforma Youtube.

Un novo documental, que leva por título O rural de todas, amosará o papel das mulleres nese ámbito da Galiza afastado das grandes cidades. A obra audiovisual foi presentada hoxe en sociedade pola deputada de Igualdade da Coruña, María Muíño, e representantes dos municipios de A Pobra, Aranga, Muxía, Ortigueira e Teo.

No acto, que decorreu a través da internet, tamén participaron as protagonistas deste documental que naceu coa meta de “visibilizar” esa presenza das mulleres e a súa aportación nas aldeas.

"O relato da vida do rural pasa por ter en conta ás mulleres e tamén a súa diversidade, os seus soños, as súas metas... para garantir un rural vivo e dinámico, con futuro e con opcións para vivir e traballar", explicou a representante da Deputación, María Muíño.

A peza, na que saen 45 persoas, procurará contar á xente que a descoñeza a realidade das mulleres no rural. Farao explicando historias e experiencias diferentes que “axudan a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade”.

Para iso, as protagonistas responden a diferentes perfís e diferentes vidas. Hai moitas mulleres, pero de diferentes xeracións e procedencias que falan do “seu sentir, reivindicando e resignificando o papel das mulleres no rural, amosando as realidades dun rural que é o rural de todas”.

A obra, que foi producida por Nova Xestión Cultural e Volvemos a Primera, contou con Adriana Castro e Pablo Cacheda como codirectores.

As persoas que queiran achegarse a ese rural compartido poden facelo desde aquí mesmo.