Un documental galego denuncia as consecuencias da ilegalización do aborto en Dominicana

Unha imaxe do documental.
'Garantía de Vida' está producido polas ONGDs Agareso e ACPP.

O documental Garantía de vida, producido polas ONGDs galegas Agareso e ACPP xunto coa entidade dominicana IDAC, denuncia as consecuencias que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto vixente na República Dominicana. O filme estréase nos Multicines Norte de Vigo esta quinta feira, día 11 de novembro, ás 20 horas, nun cinefórum organizado pola Marcha Mundial das Mulleres.

A República Dominicana é un dos 6 países do mundo no que o aborto é ilegal en todas as circunstancias. É, tamén, o país de América Latina con máis matrimonios infantís e adolescentes e documenta, cada ano, unhas 25.000 complicacións hospitalarias relacionadas directamente co aborto clandestino.

Perante esta situación, o movemento feminista dominicano demanda que, polo menos, se despenalice o aborto en tres supostos: cando o feto é inviable para a vida, cando corre perigo de morte a nai e cando o embarazo é froito dunha violación.

O documental 'Garantía de vida' nace da premisa de que a loita feminista é unha loita global e busca unir esforzos "dende Galiza co movemento feminista dominicano para crear conciencia ao redor da necesidade de defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres
 

O documental Garantía de vida nace da premisa de que a loita feminista é unha loita global e busca unir esforzos "dende Galiza co movemento feminista dominicano para crear conciencia ao redor da necesidade de defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e incidir para que se modifique a lei que penaliza o aborto en tódolos seus supostos en República Dominicana".

As familias das vítimas que xa non están contan como é ver morrer a unha filla sen que lle dean a atención médica necesaria porque un embrión aínda ten latexo ou acompañar o esmorecemento físico e mental da túa muller sen poder facer nada, porque o aborto ten que producirse só de maneira natural.

A afirmación de que se as causais estivesen aprobadas agora "a miña filla, muller, irmá... estaría viva" resoa durante todo o audiovisual. Por iso o que se pide é que se garanta a vida das mulleres por riba de calquera outra cousa, porque estas mortes poderían terse evitado se non pesaran máis cuestión morais e relixiosas que o dereito das mulleres a decidir por si mesmas.

Garantía de vida é un documental cun obxectivo social e político, explican. "Para conseguilo, en primeiro lugar establécese o contexto do país caribeño en materia sexual e reprodutiva, tanto a nivel educación, social e político. E, de seguido, téntase deixar claras as terríbeis consecuencias que sofren as mulleres dominicanas, especialmente as de menos recursos, debido á penalización do aborto en todos os supostos. E, finalmente, ponse en valor a loita do movemento feminista dominicano para facer da despenalización do aborto en 3 causais a súa gran revolución en defensa dos dereitos e a dignidade de tódalas mulleres: pobres, ricas, racializadas, brancas, do campo, do barrio, novas, vellas... Un movemento integral e integrador que desembocou na mobilización feminista máis importante da historia dominicana o pasado 23 de maio".

A estrea do documental é o primeiro paso para que siga o seu camiño por Europa e, por suposto, pola República Dominicana, onde se estreará en xaneiro de 2022 e será o punto de arranque dunha campaña de incidencia política a favor das 3 Causais na que participará Agareso, Asemblea de Cooperación pola Paz, o Instituto de  Acción Comunitaria (IDAC) e o Centro da Investigación para a Acción Femenina.