Seguimento total do primeiro día de folga contra os recortes

Docentes e alumnados paralizan a Escola de Arte Dramática de Vigo

Protesta de docentes e estudantado da ESAD, esta segunda feira en Vigo. Foto: CIG.

O profesorado e o estudantado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo secundou dun xeito total o primeiro dos tres días de folga contra os recortes. O único centro de Galiza que imparte estes estudos protesta contra a progresiva redución de docentes -un 20% desde 2014- e a animadversión manifesta do inspector de zona.
 

Os folguistas concentráronse perante a sede da Xunta na cidade cunha faixa que dicía: “Equivalencia título = equivalencia condicións”. Esixen que a Consellaría de Educación restitúa seis postos de traballo perdidos nos dous últimos anos. A dirección da ESAD reclamaba tres novas vacantes na docencia e non lle foron concedidas. A maiores, Educación eliminou outras dúas.

 

En 2014, a escola contaba con 42 interinidades. Na actualidade, con 34. E a política de austeridade coincide ademais cun aumento da matrícula e co que a CIG considera “un particular asañamento” do inspector Gonzalo Lorenzo Pozzo. “Amosa unha actitude totalmente hostil e arbitraria nas súas funcións respecto á ESAD”, afirma o sindicato.

 

A folga continúa esta terza e cuarta feira, desta volta con manifestacións ás once da mañá na xefatura territorial da consellaría en Pontevedra.