Anpas salientan as eivas dos centros da Galiza na volta ás aulas

A docencia telemática, unha materia pendente para o ensino galego

O alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I, en Compostela, accedendo ás aulas (Foto: Arxina).
O primeiro trimestre do curso rematou con 55 aulas fechadas e 858 casos positivos de coronavirus entre as crianzas e o persoal dos centros. Esta sexta feira retomarase a actividade docente sen novidades nos protocolos sanitarios e cunha total incerteza ante a posibilidade de impartir as aulas de modo telemático.

A Consellaría de Educación, após o encontro que mantivo antonte o comité clínico, ratificou a decisión de estabelecer a volta ás aulas para esta sexta feira. Porén, están preparados os centros de ensino para o regreso das crianzas?

Esa é a pregunta que se fan moitas familias galegas tralas vacacións de Nadal, un período no que os casos de coronavirus medraron significativamente no país. En declaracións a Nós Diario, o presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, valora que se respecte o calendario académico porque "se algo precisan as crianzas é normalidade, e se os datos indican o contrario non se debería voltar nin o día 8 nin o 11".

A Confederación publicou ao remate do primeiro trimestre do curso un estudo sobre o cumprimento dos protocolos por parte dos centros de ensino. A meirande parte das Anpas enquisadas afirma que as escolas están a respectar as medidas sanitarias e ofrecen a información precisa ás familias. Porén, seis de cada dez salientan que o alumnado entra e sae pola mesma porta, o que, en moitas ocasións, provoca aglomeracións nos exteriores dos centros.

"Non temos coñecemento de ningún colexio ou instituto que evite os protocolos conscientemente, mais practicamente a totalidade deles foi relaxando as medidas co paso do tempo, como fixo moita xente no seu día a día", sinala Lacaci.

Sobre esta cuestión pronúnciase tamén Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), quen apunta que a pandemia "espiu o abandono" dos centros de ensino: "Até o momento tivemos sorte porque o outono foi quente e puidemos ventilar as aulas durante toda a xornada, mais agora temos temperaturas baixo cero e vaise evidenciar que moitos centros non teñen sistemas de calefacción e ventilación axeitados", relata a Nós Diario.

Falta de recursos para a teledocencia

Porén, se hai un asunto que preocupa especialmente ás Anpas da Galiza é o eventual desenvolvemento das aulas de modo telemático por mor da pandemia. "As propostas da Consellaría parecíannos improvisadas e pouco sensíbeis coa realidade das familias, que teñen os mesmos problemas de conexión a internet e falta de recursos que ao comezo do curso", salienta Carballo.

Pola súa banda, Fernando Lacaci destaca que a Xunta preguntou a moitas familias se dispuñan dos recursos precisos, mais non se preocupou por ofrecer a formación necesaria: "De nada serve ter un computador e conexión a internet se o alumnado e o persoal docente non saben como usalo", expón.