14 organizacións xuntan folgos pola demisión do goberno de Santiago

[Imaxe: Amaía]

Agir, Anova, Bloque, Briga, Causa Galiza, CIG, Esquerda Unida, Fruga, Gentalha do Pichel, Isca!, Liga estudantil e Nós-UP son os colectivos sociais, culturais, estudantís, sindicais e políticos que se moverán pola disolución da corporación e novas eleccións. Uniranse Comités e Galiza Nova.


Compostela non merece este goberno, leva por título o manifesto conxunto que editaron as organizacións Agir, Anova, Bloque, Briga, Causa Galiza, CIG, Esquerda Unida, Fruga, Gentalha do Pichel, Isca!, Liga estudantil e Nós-UP --ás que se unirán tamén Comités e Galiza Nova-- para exixir nas rúas a demisión do goberno de Santiago, a disolución da corporación municipal e a convocatoria de eleccións anticipadas.

Malia que a práctica totalidade destes colectivos reclamara xa que o executivo que encabeza Ángel Currás (PP) deixase as súas responsabilidades no concello compostelán por mor da vaga de imputacións de concelleir@s na operación Pokemon contra a corrupción, foron as últimas sete imputacións a pingueira que fixo rebordar o vaso. 

Así as cousas, o manifesto alerta de que a cidade fica "submetida a unha permanente inestabilidade institucional" desde maio de 2011, cando o PP gañou os comicios municipais por maioría absoluta e Gerardo Conde Roa sentou na alcaldía en Raxoi. Conde Roa "foi forzado a demitir" en abril de 2012 ao ser imputado nun delito de fraude fiscal por defraudar a Facenda máis de 200.000 euros, delito polo que foi xulgado e condenado para alén de ser imputado tamén, en febreiro de 2013, na operación Pokemon. 

Substituíuno no cargo o número catro da candidatura con que gañou as eleccións, o ex-tenente de alcalde Ángel Currás, quen "continuou a aplicar as mesmas políticas antipopulares e contrarias aos intereses da maioría. Currás está tamén imputado na Pokemon e negouse a demitir. Porén, imputada está tamén Rebeca Domínguez, a edil que ocupou a vaga que Conde Roa deixara vacante nas filas conservadoras. E Albino Vázquez Aldrey, concelleiro de Seguridade Cidadá, que demitiu do seu posto após eludir a prisión pagando unha fianza de 15.000 euros. 

Cal é a situación actual?

Dez d@s trece concelleir@s que gobernan Compostela teñen unha causa aberta na súa contra. As últimas imputacións chegaron nas últimas semanas. Foron sete @s edís contra as que a titular do xulgado de instrución nº1 de Santiago, Ana López-Suevos, abriu un procedemento pola súa participación na xunta de goberno do 30 de maio en que se aprobou o financiamento con diñeiro público da defensa legal de Adrián Varela, concelleiro de Deportes imputado, tamén, na Pokemon. 

Da onda de imputacións, que foi cualificada pola voceira do Concello de Santiago, María Pardo, como "unha persecución política", só se libraron Currás --alcalde-- e Reyes Leis --tenente da alcaldía--. Malia faceren parte dese órgano de goberno, non asistiron á xunta do 30 de maio.

Así é todo, son só tres @s edís que non están imputad@s --Reyes Leis, Luis Meijide e José M. Rosende--, acumulando varias causas abertas algúns concelleiros como o de Obras, Juan de la Fuente, imputado tamén no caso das facturas falsificadas para beneficiar asociacións veciñais próximas ao PP. 

"Quen vai ser o seguinte dos 3 que faltan?"

Di o manifesto conxunto destas 12 organizacións que é esta a pregunta que se están a facer "todos os composteláns. "Seguimos gobernados por un grupo de presumidos delincuentes con nomes e apelidos", subliña o texto difundido, reproducindo a continuación as identidades d@s imputad@s: Ángel Currás, María Pardo, Rebeca Domínguez, Adrián Varela, Francisco Noya, Juan de la Fuente, María Castelao, Cecilia Sierra, Luís García Bello e Amelia González.

"Todo indica que non se van ir voluntariamente, polo que cómpre exixir a súa saída". Por isto, anuncian mobilizacións populares para reclamar a demisión do alcalde e a disolución da corporación para que se convoquen novos comicios "e o pobo decida quen debe gobernar a capital da Galiza".

O manifesto está aberto a novas incorporacións e a organización estudantil Comités confirmou, en conversa con Sermos Galiza, que apoian os motivos desta campaña de accións "porque nos están a afectar a todos" e que, malia subliñar que polo de agora preferiron centrarse na folga deste 24 de outubro contra a LOMCE, uniranse nos vindeiros días. O propio fará tamén Galiza Nova.