A dobre victimización de crianzas e adolescentes na violencia de xénero, a debate

Manifestacion 25N. Imaxe de GZ Contrainfo

Este sábado, unha xornada no Pazo da Cultura de Pontevedra debullará a violencia machista en crianzas e adolescentes

A Universidade de Vigo, a Deputación e o Concello de Pontevedra organizan este sábado 26 no Pazo da Cultura a xornada ‘Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero’. Enmarcado na Escola de Igualdade María Vinyals, o encontro reunirá diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, saúde, xustiza e tecido asociativo que abordarán os abusos que sofren crianzas e adolescentes, tanto no seu entorno como no eido institucional.

 

En declaracións a Sermos Galiza, a coordinadora do evento, Iria Vázquez, explica que os primeiros relatorios da mañá, o inicio está programado para as 10 horas, amosarán os resultados do microproxecto "Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero", inserido dentro do grupo de investigación do Proxecto Redes. “Non queremos tanto amosar as conclusións que tiramos do estudo, que non son pechadas, senón dar conta do que vimos. Porque realmente a conclusión é que hai moita invisibilidade e falta de atención específica a crianzas e adolescentes. Procuramos crear rede e darlle visibilidade á xente que está a traballar neste ámbito e facelo desde unha perspectiva feminista”, apunta.

 

Unha violencia poliédrica

 

Vázquez indica que, nos casos de violencia de xénero, crianzas e adolescentes sofren “unha violencia poliédrica” e unha “dobre victimización”. “Unha delas é cando son testemuñas ou mesmo vítimas de violencia de xénero, que están consideradas como tal desde a lei de 2015, e logo, por outra banda, a violencia que sofren cando entrar no sistema, porque os recursos sociais, sanitarios e xudiciais non deron un paso adiante e non teñen formación sobre este tema”, afirma a profesora de socioloxía na UDC.

 

Segundo ela, é importante asinalar que, nos casos de agresións contra crianzas, non só existe un compoñente de relación de poder a respecto da idade, senón tamén de xénero. “A maior parte das agresións son por parte do entorno e, case nun 90% son de homes sobre nenas”, comenta. A lectura de xénero do problema é, pois, inevitable. “Hai unha raíz común entre a violencia de xénero e a violencia cara as crianzas e ten que ver co patriarcado, coa masculinidade hexemónica e co exercicio de poder cara as persoas que son vistas como inferiores, como as mulleres e as crianzas”, declara Vázquez. A socióloga tamén fai referencia a un estudo de Save The Children, no que “ 85% dos casos de agresións cara crianzas non son denunciadas, están na invisibilidade total e os servizos non están a dar unha boa resposta”.

 

A falta de ferramentas nas institucións

 

Alén dos “importantes trastornos a nivel emocional, de habilidades sociais e de aprendizaxe que poden supoñer para as nenas”, a organizadora insiste na urxente necesidade de que o sistema dispoña dunha rede axeitada para axudar ás vítimas. “Nos xulgados non hai persoas especializadas en psicoloxía infantil, nin na policía nin en servizos sanitarios. Nas forzas de seguridade fan un curso dunha semana. E nese tempo non tes as ferramentas para traballar cunha nai e cunhas crianzas que levan anos soportando violencia de xénero. Eu espero que os policías que traballan en delitos informáticos saiban algo de informática”, conclúe.

 

Diversidade de ámbitos no programa

 

A xornada iniciará ás 10 da mañá, cando a directora do Proxecto REDES, Ángeles Parilla, presentará o grupo de investigación. A continuación, Azucena Arias Correa, Daisy Alcalde Monteagudo e a propia Iria Vázquez amosarán os datos tirados do microproxecto “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”. Seguidamente terá lugar a conferencia “Violencia vicaria e SAP: fillas e fillos como vítimas da violencia de xénero”.

 

Á tarde terán lugar os obradoiros, que comezarán ás 16 horas e tratarán os diversos eidos implicados na xestión da violencia de xénero. Mariví Fernández Roldán falará da “Coeducación, o camiño para a prevención da violencia de xénero, mentres que a experta en xénero e saúde Lola Ferreiro tratará a detección e abordaxe desde o ámbito sanitario das crianzas maltratadas. Por último, a titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira Paz, impartirá unha palestra sobre “Menores e violencia de xénero, tratamento interdisciplinario. Detección e actuación das administración públicas. Apuntes sobre o pacto de Estado”. A presidenta de Agamme (Asociación Galega contra o Maltrato de Menores), Estrela Gómez Viñas, pechará a xornada cun relatorio que procurará desmontar os mitos contra crianzas e adolescentes desde o ámbito asociativo.