Modelos para filtrar visitantes

Do turismo con válvula ao turismo funil

[Erik Dobaño] Turistas na rúa Real da Coruña

Mentres a Xunta de Galiza persevera nas políticas de promoción en base á exaltación da Galiza rural, monumental e gastronómica herdadas da época de Fraga, as cidades e mesmo as vilas costeiras buscan vías para combater os efectos da crecente masificación e deseñan estratexias para filtrar as persoas visitantes antes de que cheguen. Abordamos este asunto en profundidade no Sermos261, xa na rúa. Eis un extracto da reportaxe.

“A min dáme mar, dáme praia, praia e máis praia. Dáme festa e dáme sesta…”. Non é a letra da canción do verán; é o texto propagandístico da Xunta de Galiza baixo unha fotografía de dúas nenas co sol de costas nunha duna contra un ceo azul cobalto que publican as revistas couché en España. Turismo de Galiza non quixo comentar a campaña nin ningún aspecto dos que se tratan nesta reportaxe.

 

As campañas de promoción turística do país arrancaron nos anos do pop con imaxes “de santos e paisaxes rurais” aos que pouco a pouco se foron sumando “pazos, canastros, pallozas” e, xa a finais dos oitenta, a “rapa das bestas e as máscaras do Entroido”, segundo informa Miguel Pazos Otón, director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas, nunha publicación de 2011 que sitúa na chegada de Manuel Fraga ao goberno da Xunta a bisagra do marketing turístico na Galiza.

 

Aí seguimos: “no bo camiño”, como se encarga de recordar o logo da promoción 2017. Calquera das gráficas de Turismo de Galiza mostran o mesmo debuxo das estatísticas, unha suba constante das cifras. Persoas aloxadas: 4,9 millóns, un 7,4% máis que no ano anterior (2015); noites nos estabelecementos en regra: 10 millóns, un 9,2% máis; turismo internacional: un 10,2% máis, 2,3 millóns. A aposta no turismo de masas non se disimula, mais non se comenta. E cando hai colapsos na praia de Augas Santas (coñecida co nome As Catedrais) ou nas Cíes, as autoridades lémbranse da “dosificación”. Un modelo con válvula.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 261, á venda na loxa e nos quiosques habituais]