Do Obelisco á Praza María Pita: festa da palabra e da igualdade na Coruña

Unha imaxe do roteiro (Foto: A.C. Alexandre Bóveda)

O ‘Roteiro das Mulleres’ que organiza a A.C. Alexandre Bóveda volveu poñer en valor figuras femininas fundamentais na ciencia, a literatura, a pedagoxía, o compromiso militante ou as liberdades sexuais

Ánxeles Alvariño, Mercedes Núñez, Inés de Bens, María Barbeirto, Milagros Rey... Nomes que a unha parte considerábel da sociedade coruñesa e galega non din nada mais que significan moito.

Dar a coñecer estes nomes, as súas historias, poñer en valor as traxectorias destas e doutras mulleres “que abriron camiños para outras que viñan detrás, que rozaron congostras para facer máis doada a travesía das que chegaron despois” é o obxectivo do roteiro organizado pola A.C. Alexandre Bóveda que decorreu este sábado na cidade herculina.

É o segundo ano que esta entidade organiza esta actividade, na que diferentes perosas interviron para falar desas mulleres precursoras e para explicar o contexto. Houbo tamén música, danza contemporánea, canto e representacións teatrais para axudar a visibilizar estas historias.

O punto de partida foi o Obelisco, con Ánxeles Valiño e María Wonenburger como protagonistas. Oceanógrafa experta en zooplancto e descubridora dun total de 22 novas especies animais mariñas a primeira. Prestixiosa alxebrista e profesora na Universidade de Toronto formando parte dun claustro exclusivamente masculino e na Indiana University a outra.

A seguir, a camiñada percorreu a Rúa Real, o Teatro Rosalía, o Rego da Auga, a Rúa da Fama até chegar á Praza de María Pita. Durante o percurso, foron debullándose historias e vidas como a de Mercedes Núñez, activista comunista detida na coruñesa Rúa Real e que acabou nun campo de concentración nazi. Ou a de Juana Capdevielle, pedagoga e arquiveira ao que os franquistas violaron e asasinaron.

Tamén se falou das irmandiñas de Elvira Bao, mestra e militante nacionalista. Membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933 e presidenta da primeira Xunta Directiva, o seu nome é recollido no semanario A Nosa Terra como intervinte en mitins do Partido Galeguista. Xunto ao seu home Bernardino Varela Docampo editaron o primeiro libro de Contos pra nenos, un texto de autoría de Vicente Risco e ilustracións de Álvaro Cebreiro.

A ruta seguiu percorrendo a cidade e falando tamén das lavandeiras e augadoras, da renovación pedagóxica e María Barbeiro, de Milagros Rey, primeira arquitecta colexiada na Coruña… E de Elisa e Marcela, un matrimonio que adiantou en máis dun século a historia.