‘Showcooking’ dos prestixiosos chefs

Do Maruja Limón ao mercado do Progreso de Vigo

Bacallau con coliflor, pisto e ovo fiado (Maruja Limón).
Do 9 ao 12 de decembro, entre as 12 horas e as 13.30 horas, o mercado do Progreso de Vigo acubilla catro ‘showcookings’ para valorizar o produto fresco e de proximidade cos prestixiosos chef do restaurante Maruja Limón Inés Abril e Rafa Centeno.
 

Os chefs Inés Abril e Rafa Centeno participan os días 9, 10, 11 e 12 de decembro, entre as 12 e as 13.30 horas, en catro ‘showcookings’ no mercado do Progreso, en Vigo.

Baixo o patrocinio de Autoservicios Familia, os cociñeiros do Maruja Limón farán unhas demostracións en que o produto fresco será o protagonista.

Na actividade, Abril e Centeno elaborarán algún dos pratos máis emblemáticos da súa cociña, mais non só. Tamén elaborarán menús especiais pensadas para as celebración do Nadal.

O mercado do Progreso conta cunha ampla proposta comercial con estabelecementos de froitas e verduras, carnes, peixes, queixos e embutidos, xamóns, pans especiais e sobremesas caseiras, entre outras.

33 postos e un supermercado

A praza acolle un total de 33 postos que, ademais, contan con servizo de entrega a domicilio. A oferta compleméntase coa presenza dun supermercado de Autoservicios Familia, cos “mellores prezos de toda a cidade en produtos de alimentación fresca e envasada”, apunta a firma, que convida a participar do ‘showcooking’ en directo, coas restricións pertinentes e coa capacidade permitida, ou ben a través das redes sociais do propio mercado e de Familia.

Con estes vimbios, os chefs de Maruja Limón proporán solución actuais e sorprendentes para levar á mesa produto galego e de calidade.