Do Irixo a Cerceda, a incineración viaxa por Galiza

A incineradora do sur podería ser construída no norte. ADEGA reitera a súa oposición á incineración como modelo de xestión dos residuos e lanza un aviso a navegantes, calquera comarca galega pode ser vítima dos fumes tóxicos. 

Fronte á oposición cidadá non hai cousa mellor que facer ouvidos xordos e mirar para outro lado. Senón que llo digan ao presidente Alberto Núñez Feijóo. O seu goberno defendeu por activa e por pasiva a incineración como modelo de xestión de residuos e ao longo do seu mandato, pulou pola construcción dunha outra incineradora na Galiza. O sur do país foi o espazo xeográfico elixido para dar acubillo a unha segunda Sogama.

‘3R’: reducir, reutilizar e reciclar; a antítese das propostas de Núñez Feijóo

Máis cedo que tarde, os movementos sociais iniciaron unha campaña en contra da creación da incineradora do Irixo e movilizaron a centos de persoas para exixiren un outro programa de xestión de residuos baseado nos ‘3R’: reducir, reutilizar e reciclar; a antítese das propostas de Núñez Feijóo.Mesmo botaron a andar unha Iniciativa Lexislativa Popular.

Porén, os plans da Xunta de Galiza semellan estar a mudar. Segundo recollen diversas fontes –entre elas ADEGA-- o goberno galego estaría a piques de desbloquear o proxecto da incineradora  e esta podería ser desprazada cara o norte da Galiza, concretamente, cara o Concello de Cerceda (A Coruña), no que actualmente se atopa Sogama. Malia todo, esta posibilidade exixría a modificación do actual Plan de Residuos galego, que –para alén de incumprir a “lexislación vixente”, denuncian desde ADEGA-- non contempla a posibilidade de se construíren dúas plantas de incineración no mesmo espazo.

“Incineración? Que non che conten contos”

A organización ecoloxista asegura, perante os acontecementos, que segue a ser moi necesario “pór as bolsas de lixo enriba dos atrís dos políticos” dadas as repercusións que a xestión de residuos ten sobre a vida das persoas. ADEGA reitera que para os movementos sociais, o debate non xiraba arredor da “ubicación da incineradora” senón “no modelo de incineración, defendido con mentiras polo PP”. Aliás seguen defendendo a tramitación e aprobación da ILP que pretende levar ao Parlamento galego “o cumprimento estrito da lexislación de residuos, sistemáticamente violada pola Xunta, e o abandono definitivo da incineración”. Por iso, desde a Asociación de Ecoloxistas de Galiza emprazan a non escoitar os “cantos de serea” pois aseguran, mentres a incineración siga a ser a aposta do PP para o tratamento de residuos “ningunha comarca galega estará libre dos seus fumes tóxicos”.