Análise

Do ferrado ao metro cadrado

O 'desarrollismo' e mais a 'modernización' levaron por diante unha forma secular de habitar o territorio (Foto: Álex Rozados).
O arquitecto urbanista, Iago Lestegás Tizón analiza para 'Nós Diario' a situación da vivenda na Galiza.

Dende o ecuador do século pasado, a desintegración da economía precapitalista agraria e mariñeira desfigurou o hábitat tradicional galego. No decurso dunhas décadas produciuse unha mutación histórica que noutros países se estendeu durante máis de cen anos: a substitución dunha sociedade eminentemente rural que vivía da terra, do gando e do mar por outra maioritariamente urbana, empregada no sector terciario e integrada —con posición periférica e dependente— no capitalismo global.

Tan acelerado foi o paso da economía de subsistencia á economía de mercado que moitos galegos nados nun mundo preindustrial teñen hoxe smartphones e robots aspiradores. Esta radical transformación —que mellorou substancialmente as condicións xerais de acceso a bens materiais, educación e saúde— convulsionou o territorio e provocou alteracións irreversibles nas paisaxes urbanas e rurais.

A ruptura da vella orde socioeconómica galega e a disolución do imaxinario colectivo secular a ela asociado arrincan no desarrollismo franquista que inaugurou o Plan de estabilización de 1959. A incipiente industrialización e a rápida desagrarización alimentaron un crecemento urbano tan acelerado como desordenado que tivo como contrapartida o abandono dos asentamentos tradicionais: as aldeas e os centros históricos de vilas e cidades.

 En 1970 había 748.157 vivendas na Galiza. En catro décadas, o parque residencial duplicouse

O aforro emigrante foi un motor clave da expansión inmobiliaria deste período, quer directamente a través da promoción ou mesmo autoconstrución por parte dos propios emigrantes, quer indirectamente por medio da banca, que canalizou as súas divisas cara ao sector inmobiliario financiando a construción de novos barrios de pésima calidade arquitectónica e urbana.

Esta fase de crecemento económico finalizou coa crise do petróleo de 1973, que se prolongaría durante toda a década nun contexto político delicado e se agravaría nos anos oitenta co sacrificio dos sectores estratéxicos galegos en aras da incorporación de España á Comunidade Económica Europea (CEE).

Non obstante, a histórica transformación iniciada no desarrollismo continuou durante o período de modernización que se abriu coa entrada efectiva na CEE en 1986. Poucos anos despois, a creación da unión económica e monetaria europea sentou as bases para un fluxo masivo de crédito barato de orixe transnacional que sería absorbido maioritariamente polo sector da construción e a actividade inmobiliaria, grazas a un marco legal curtopracista que puxo o urbanismo e a ordenación territorial ao servizo do tándem turístico-inmobiliario creado na ditadura. Consolidábase así, ata o seu colapso na crise financeira global de 2008, o modelo franquista de crecemento e especialización económica baseado no ladrillo.

As ortofotos realizadas polo servizo cartográfico do exército dos Estados Unidos entre 1956 e 1957 permiten comprobar a mudanza radical que sufriu o noso territorio nas últimas décadas. A comparación destas imaxes coas fotografías aéreas actuais evidencia transformacións físicas de gran calado: medraron con forza e con desorde vilas e cidades, despregáronse innumerables vías de comunicación, multiplicáronse as infraestruturas de transformación enerxética e urbanizouse a maior parte do litoral, nomeadamente as Rías Baixas e o Golfo Ártabro.

O desarrollismo e mais a modernización levaron por diante unha forma secular de habitar o territorio que para moitos significaba atraso e miseria, pero que era sostible, equilibrada e compatible coa necesaria mellora das condicións materiais de vida. Co campesiñado premoderno desapareceron, en poucos anos, as paisaxes que creara de vagar durante séculos.

Segundo os censos do INE, en 1970 había 748.157 vivendas na Galiza e en 2011, logo do estoupido da crise que clausurou a era da modernización, había 1.605.481. En catro décadas, o parque residencial duplicouse. Unha das herdanzas da brusca desarticulación da vella orde socioeconómica galega é un territorio desordenado, fragmentado, degradado e desequilibrado.

A rápida transición dunha sociedade de autoconsumo a unha sociedade de consumo, coa conseguinte substitución do valor de uso polo valor de cambio como reitor dos destinos do solo, provocou a proliferación de edificios illados, desproporcionados e descontextualizados en terreos de gran produtividade agrícola.

En ausencia de normas axeitadas que ordenasen a urbanización e co valor produtivo da terra eclipsado por expectativas de revalorización inmobiliaria ilimitada, milleiros de leiras de calquera forma e en calquera sitio convertéronse en soares.