Día Mundial da Saúde Mental

Do estigma social á atención comunitaria

EuropaPress_3173412_30_may_2020_ireland_portarlington_man_walks_past_street_art_mural_by_the
O Movemento Galego da Saúde Mental reivindica un cambio de enfoque na atención ao sufrimento psíquico. Unha mudanza que exixe investimento, pero tamén unha maior sensibilidade dos gobernantes e das autoridades sanitarias para recoller o sentir e as propostas das persoas con trastornos mentais, ignoradas de forma crónica.

O dereito á saúde mental existe. Mais a desconsideración crónica que sofre o paciente con trastorno psíquico lastra unha atención, accesíbel e de calidade, que desde o movemento civil galego reclaman "máis necesaria que nunca".

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, colectivos profesionais, asociacións e grupos de traballo en primeira persoa inciden na importancia de virar cara un enfoque da saúde mental baseado nos dereitos e na superación das desigualdades sociais.

Non pode haber saúde mental se non hai unha lei de dignidade detrás.

"O enfoque que reclamamos non é novo. Levamos décadas con el e entronca directamente cos dereitos humanos das persoas con problemas de saúde mental, esquecidas e estigmatizadas durante tanto tempo", explica a Nós Diario José Berdullas, psicólogo clínico e membro do Movemento Galego da Saúde Mental.

"Non pode haber saúde mental se non hai unha lei de dignidade detrás, se non hai un traballo, se non se pode garantir a subsistencia da familia, e a maior parte dos nosos pacientes, sobre todo os máis graves, non teñen esas oportunidades", recalca Berdullas, quen defende que o que se pretende agora, durante a crise sanitaria provocada pola Covid-19, e antes, durante a recesión económica de 2008, é "eliminar as causas sociais do sufrimento", cando son decisivas á hora de responder ante unha dificultade. 

Pero ademais dunha perda de dereitos manifesta, asociada "ao abandono do sistema sanitario, social, produtivo e asociativo que vén padecendo a Galiza desde hai 11 anos, desde o Movemento Galego da Saúde Mental identifican outra particularidade da atención á saúde mental que se vén producindo: a individualización do malestar psíquico.

Sufrimento medicalizado

"Isto significa que estamos medicalizando o sufrimento. Asúmese que o sufrimento é da persoa que o padece e que lle corresponde a ela resolver o problema, cando en realidade, detrás dese malestar, hai moito máis", incide o psicólogo clínico para reivindicar "un enfoque moito máis comunitario".

Un modelo polo que avogan cada vez máis profesionais e tamén os movementos en primeira persoa, asociación de doentes que reclaman a ser parte das decisións e das solucións que acabarán afectando as súas vidas. 

"Reclamamos un modelo onde os tratamentos non farmacolóxicos pasen a ser o eixo do sistema", insiste Víctor Manuel Torrado Oubiña, psicólogo clínico e vogal da xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza.

"Consideramos que a desmedicalización non é un capricho, é unha necesidade avalada polas guías de práctica clínica máis prestixiosas para os trastornos de saúde mental máis prevalentes, como a ansiedade e a depresión", engade Torrado, que avoga polo concurso da psicoloxía dentro do sistema de Atención primaria nun contexto de carestía e recorte de medios que dificulta unha atención especializada de calidade, non farmacolóxica.

Saúde mental primaria 

A terceira parte das demandas que lle chega ao colectivo médico da Atención Primaria ten que ver coa saúde mental e 75% dos casos que se ven por primeira vez requiren unha atención que non precisa dun tratamento farmacolóxico. "Nos centros de saúde hai profesionais fantásticos, pero non dan feito", sinala Berdullas. "Eles mesmos se queixan do exceso de medicalización porque o único que está ao seu alcance é unha pílula, que pode ser interesante para algunhas cousas, pero para o sufrimento da vida diaria, que se pode volver crónico, igual o que cómpre é o acompañamento". Mais esta maneira de abordar a saúde mental require unha práctica que pouco ten que ver coas "consultas masificadas, a falta de traballo en equipo e a escasa investigación dunha mínima calidade" que apunta Torrado Oubiña como habituais. 

A terceira parte das demandas que lle chega ao colectivo médico da Atención Primaria ten que ver coa saúde mental.

"Cómpre aumentar a sensibilidade dos nosos gobernantes a respecto da atención de escasa calidade que está recibindo boa parte da poboación do noso país, que afecta con máis forza as persoas máis vulnerábeis". Para Víctor Torrado a falta de organización e coordinación que demostran as autoridades sanitarias afecta á calidade. "Non se trata de incrementar os recursos sen máis. Trátase de facelo con orde, de forma coordinada, cun enfoque máis amplo" que permita, ademais, facilitar a accesibilidade á saúde mental.

"É un dos problemas importante, sobre todo par aos tratamentos non farmacolóxicos", advirte Torrado Oubiña, "con esperas de até un ano para a primeira consulta de psicoloxía", engade Berdullas, o que deriva nun sistema pouco eficiente con taxas de inasistencia á primeira consulta do 50% que é preciso resolver, afirman.

Un cambio liderado pola sociedade civil

"Galiza necesita que nos sentemos a pensar xuntos, políticos, profesionais, autoridades sanitarias e colectivos en primeira persoa" asegura José Berdullas, quen salienta o liderado de pequenos grupos de traballo que xa empezaron a mudar as cousas. "As iniciativas non chegan da política nin do Sergas, senón da sociedade civil e dos colectivos que impulsaron un Plan Galego de Prevención do Suicidio e un Plan Galego de Saúde Mental que non pode quedar en papel mollado", e que urxe dotar de recursos. "As políticas de saúde mental teñen que ir da man dunha política social moito mais ambiciosa, que este Goberno non ten", conclúe.