A reforma do Código Penal impulsada polo PP criminaliza as mobilizacións sociais

A proposta de reforma do Código Penal impulsada polo PP suporá unha "criminalización de protestas e mobilizacións sociais", contemplando penas de varios anos de cárcere por factos como a ocupación simbólica e pacífica dun banco para protestar contra un desafiuzamento. Xuristas e colectivos de defensa dos dereitos civís xa advirten das graves consecuencias de seren aprobada esta lexislación, "a máis dura de Europa"

 

As mobilizacións cidadás poden deixar de ser un dereito para pasar ser un delito, por moi pacíficas que transcurran. O goberno de Mariano Rajoy impulsa unha reforma do Código Penal que, a xuizo de colectivos de dereitos civís e xuristas, conleva unha "criminalización desproporcionada" das protestas das cidadanía.

En base á proposta do ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, pasarase a criminalizar actividades que até o de agora non ran consideradas delito (senón falta), como ocupación simbólica e pacífica de entidades bancarias, o encadeamento para evitaren desfiuzamentos ou convocar manifestacións a través das redes sociais en determinados supostos.

A normativa penal máis dura de Europa

Mesmo desde Jueces para la Democracia (JpD) afirmouse que a combinación dos recortes sociais coa aprobación da normativa penal máis dura de Europa permite falar de que o estado español pasa de un "Estado social a un Estado penal".

De igual xeito, asociacións de avogados e colectivos de diverso tipo --desde o 15M, sindicatos até de defensa dos dereitos civís, consideran que o anteproxecto pretende criminalizar actividades que até o de agora non eran consideradas delito e que son medidas "para criminalizar a protesta social", "desproporcionadas", e que non deberían estar incluidas nun Código Penal.

Nesta liña, poñen como exemplo que a resistencia á autoridade. Trátase dun concepto tan laxo que permitiría incluir nel até a petición de explicacións a un axente ao requerir identificación, e que pode levar aparellado a petición de penas de prisión.

Amparar o inamparábel

Hai quen considera que con esta proposta de reforma do novo Códico Penal téntase amparar "o inamparábel" e poñen de exemplo que moitas actuacións desproporcionadas das forzas policiais --con detencións arbitrarias a participantes en mobilizacións ou protestas-- acababan coa posta en liberdade sen cargos dos e das detidas ou, como moito, coa imposición de multas. "Con esta reforma queren que non se den máis casos deses e que todos acaben pagando".

"Teremos o Código Penal máis duro de Europa contra as protestas civís", ao tempo que se veñen recortando como nunca os dereitos sociais e laborais. Unha combinación perigosa, lembran asociacións como a antes mencionada, pois derivan nun Estado que ve na súa propia poboación un simple obxecto de control, submetimento e represión, e non un suxeito con dereitos, incorrendo nunha grave restrición das liberdades democráticas.