Pilar Allegue, unha das impulsoras do manifesto Avante Galiza!

"A do BNG é a única candidatura que garante a defensa do país"

[Imaxe: Uvigo] Pilar Allegue

Pilar Allegue, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, é unha das impulsoras do manifesto Avante Galiza! en apoio ás candidaturas do BNG. Nesta entrevista explícanos o porqué da iniciativa.

Como e de quen parte a idea de crear o manifesto Avante Galiza! en apoio ás listas do BNG ás eleccións galegas?

Parte de persoas non vinculadas ao BNG, pero nacionalistas, e deste problema que vemos no país de confusión, de falta de alternativas claras, de análise sobre a situación e de protagonismo das propias necesidades de Galiza. Somos un grupo moi reducido que se puxo a falar con outra xente que coñecemos e acordamos tirar un texto claro de apoio ás listas do BNG e á candidata Ana Pontón, porque consideramos que o Bloque é a única alternativa que pode ter para Galiza para acadar solucións reais.

Persoas independentes, sen ningún tipo de afiliación nunha formación política...

Non temos nada a ver organicamente co BNG e somos independentes unhas persoas doutras. Pareceunos necesarios saír aos medios para facer pública a necesidade de apoiar o BNG, máis alá de quen forma parte da fronte, porque a única alternativa que pensa en Galiza cun programa moi concreto e que ten unha historia que avala a súa lealdade e coherencia a respeito das necesidade do país é o Bloque. E non, non temos carné de partido ningún.

"Parécenos que a situación está por riba de calquera liorta, personalidade e interese de liderado e que hai que estar cos movementos que o país necesita"

Algunha das persoas que asinades sodes históricas do nacionalismo.

Somos históricos do movemento nacional popular galego. Non somos fundadores desde a Asemblea de Riazor, senón que somos históricos e históricas do movemento nacional popular galego desde a clandestinidade e alén. E iso é importante, porque demostra a xenerosidade e que non facemos isto por intereses persoais nin privados. Parécenos que a situación está por riba de calquera liorta, personalidade e interese de liderado e que hai que estar cos movementos que o país necesita.

Poden seguir adheríndose persoas ao manifesto?

Si, é unha lista aberta. O sábado á noite eramos 160 asinantes e o manifesto segue aberto para xente que non teña carné, pois os militantes xa terán outras vías para amosar o seu apoio, esforzo e entrega. Isto é para todos aqueles que nalgunha medida sintan o país e queiran expresar a súa adhesión publicamente. A do BNG é a única candidatura que garante a defensa do país.

Referíase anteriormente a un problema de confusión no país. Que quere dicir?

Un país como este ten que ter organizacións cunha ideoloxía clara para saber cales son os camiños que poden contribuír a que a xente viva nun país tan rico e que hoxe está tan empobrecido. Un país no que a mocidade ten que seguir emigrando.

"A composición multiforme [de En Marea] que eles cren que lles enriquece é ter o cancro dentro"

Desde o seu ponto de vista, non percibe esa ideoloxía clara no seo de En Marea?

A composición multiforme que eles cren que lles enriquece é ter o cancro dentro. E xa demostraron na primeira das súas tentativas con AGE que cando hai problemas queda todo esfarelado e sería unha nova frustración para a xente galega. As súas alternativas non están claras porque non son asumidas por todos. Aí non se fala do problema identitario e de soberanismo, que non é máis que ter capacidade de decisión. O candidato está ligado de maneira moi directa á Constitución e dificilmente van ser capaces de dar alternativas que sobrepasen os sistemas xurídicos xa marcados. Para resolver os problemas de Galiza hai que formular criticamente propostas. A medida das delegacións comerciais exteriores que presentou Ana Pontón paréceme unha boa maneira de levalo á práctica. O BNG pode facelo porque é independente e non está marcado por ningunha organización que diga até aquí si ou até aquí non.