Xustiza

Os divorcios e separacións caen 18,5% no primeiro trimestre por mor da folga de letrados

Os divorcios descenderon por volta de 17%. (Foto: Nós Diario)
Neste tempo producíronse na Galiza 1.126 disolucións matrimoniais, fronte ás 1.381 do mesmo período de 2022.

As demandas de ruptura matrimonial —separacións, divorcios e nulidades— diminuíron 18,5% na Galiza no primeiro trimestre do ano, un período marcado pola folga de letrados da Administración de Xustiza, que se prolongou do 23 de xaneiro ao 28 de marzo. En concreto, segundo os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, neste tempo producíronse 1.126 disolucións matrimoniais, fronte ás 1.381 do mesmo período de 2022. No conxunto do Estado, a caída foi de 10,3%.

A folga de letrados explica en gran medida o descenso, pois moitos dos procedementos presentados foron repartidos aos órganos xudiciais, mais non aceptados, polo que non computaron como ingresados.

Entre xaneiro e marzo, na Galiza diminuíron 17% os divorcios, especialmente os consensuados, que pasaron de 793 a 613, 22,7% menos. Os non consensuados caeron un 7,9%: de 529 a 487.

Pola súa parte, as separacións consensuadas pasaron de 36 no primeiro trimestre de 2022 a 15 no mesmo período deste ano, mentres que as non consensuadas caeron á metade, de 20 a 10. Aliás, contabilizouse neste tempo unha única petición de nulidade matrimonial.

Medidas de garda e custodia

Segundo esta estatística, no primeiro trimestre de 2023 iniciáronse 123 procedementos de modificación de medidas consensuadas, isto é, 35,3% menos que nas mesmas datas de 2022. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 475 a 396, 16,6% menos.

No que atinxe aos procedementos de garda, custodia e alimentación de crianzas non matrimoniais, rexistráronse 208 demandas consensuadas, 22,1% menos; e 289 demandas non consensuadas, 3,7% menos.