Os divorcios acaparan unha boa parte dos recursos xudiciais da Galiza

Unha das primeiras vodas que se realizaron na pandemia en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Unha vez recuperada a actividade xudicial as cifras indican que as rupturas matrimoniais aumentaron un 25% con respecto ao mesmo período do ano pasado.

 

Un dos resultados da pandemia na Administración xudicial, ademais dos recursos contra as sancións por saltar o confinamento, está a ser o incremento no número de rupturas matrimoniais no país. Así se extrae dun informe do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) feito público hoxe no que se ve un incremento notábel dos trámites para divorciarse.

Segundo a Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, o informe da Galiza indica que no terceiro trimestre do ano as demandas de ruptura, sexan separacións ou divorcios, chegaron a 1.500.

Isto implica, atendendo ao explicado polo TSXG, que houbo 301 trámites máis que nos mesmos meses de 2019.

Este incremento dun 25% deuse xusto despois do confinamento obrigado, cando a Xustiza estivo parada, e creceron tanto os divorcios pactados (de 631 a 854) como os non acordados polas dúas partes (de 527 a 590).

Os procedementos de separación tamén foron na mesma liña ascendente. As separacións de mutuo acordo pasaron de 30 en 2019 a 41 entre xullo e setembro.

Derivado desta ocupación da Xustiza por resolver a separación de parellas, notouse que hai pendentes máis casos vinculados coa garda, custodia e a manutención para alimentos das crianzas que se tiveron sen casar.

O que non se deu no país foron demandas de nulidade, nin neste ano nin o exercicio pasado. Mais si se rexistraron algunhas noutros territorios.