Valdeorras

O distrito coa orografía máis complexa de Galiza fica sen base de helicópteros contraincendios

O 1 de xullo comeza a tempada de alto risco de incendios nos montes galegos. No distrito XIII de Valdeorras hai espazos de alto valor ambiental, como Enciña da lastra ou Teixedal de Casaio.

O 1 de xullo comeza en Galiza a tempada de alto risco de incendio nos montes. E a Xunta deixa en desuso a base de Vilanova, que está no distrito XIII de Valdeorras, “o distrito coa orografía máis complicada de toda Galiza e cunha riqueza ecolóxica e forestal dun importantísimo valor”, como afirman desde a CIG. A central nacionalista vén de rexistrar un escrito diante da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural esixindo un uso racional das instalacións públicas.

Nesa base investíronse centos de miles de euros “e que a día de hoxe se atopa pechada, sen helicóptero e sen depósito de combustíbel para repostar, estando totalmente desaproveitada para a protección do medio”. Salientan que este distrito ten lugares dunha importancia paisaxística económica e forestal enorme: a Serra do Eixe, con máis de 5.000 hectáreas de piñeiro silvestre; o parque natural da Serra da Enciña da Lastra ,cunha das escasas concentracións de aciñeiras de todo o país; ou o Teixedal de Casaio, un dos poucos bosques de teixo existentes en Europa.

O Macizo Central e as Ribeiras do Bibei, así como Xares e Návea, tamén están neste distrito. Un distrito que contaba con dous helicópteros anos atrás. 

Seaga

Traballadores de Seaga concentráronse diante do Parlamento de Galiza para exixir traballo digno e denunciar a viva voz que “tres meses apagamos, nove non traballamos”. A mobilización coincidía cun pleno no que os grupos da oposición pedían explicacións a respecto de por que se lle dá o traballo a empresas privadas e non ao persoal da empresa pública, respecto da carga de traballo e da precariedade que sofren.