Distintas organizacións alertan sobre a “alarmante” situación do preso galego J. A. Vilasó Pardevila

Cadea de León

Doente da SIDA e cun cancro linfático avanzado, sobrevive nun penal de León baixo un réxime de “isolamento encuberto”. Após unha folga de fame e rexeitar o seu tratamento, Vilasó abandona os protestos polo agravamento da enfermidade.
 

Esculca, Nais Conta a Impunidade, Salhaketa ou a Coordinadora Estatal para a Prevención da Tortura son algunhas das organizacións en defensa dos dereitos humanos que se fixeron eco das noticias que chegaban dende a prisión de Mansilla de Las Mulas, en León.

A saúde e as condicións de vida na cadea para o preso galego José Antonio Vilasó Pardevila, enfermo de SIDA e cun cancro linfático en estado avanzado, revelábanse “alarmantes”.

Após unha folga de fame e tras rexeitar o tratamento médico para chamar a atención da opinión pública sobre o seu caso, tivo que abandonar os protestos polo agravamento das súas doenzas. A orixe das reivindicacións, un incidente insólito.“Vilasó Pardavila foi sancionado por darlle un bico a unha reclusa”, relata en conversa con Sermos Galiza o seu avogado, Guillermo Presa Suárez, tamén subdirector de Esculca.

Un enfermo terminal en “isolamento encuberto”

“Como represalia polas súas protestas, trasladárono a unha parte da enfermaría chamada Zona Cero”, relata o letrado. Tanto a defensa como os colectivos de apoio ás persoas presas, coinciden en denunciaren que, na práctica, as condicións de vida deste departamento se equiparan ás dos módulos de isolamento.“O dereito penitenciario impide que os internos con doenzas graves estean recluídos nestes réximes”, informa o avogado. “E, para sortear esta prohibición legal, trasládanos á chamada Zona Cero”.

No entanto, as limitacións das saídas ao patio -dúas horas ao día e en solitario- e a restrición das comunicacións levaron aos distintos colectivos a concluíren que Vilasó Pardevila está a sufrir un réxime de “illamento encuberto”.

Restrición da ambulancia para acudir ao médico

“Como consecuencia, fíxose unha campaña denunciando a existencia dun departamento de illamento encuberto dentro da enfermaría e mesmo o Valedor do Pobo en Madrid tomou cartas no asunto iniciando unha investigación”, explica o letrado. Porén, a mobilización tivo “represalias: “A  Vilasó Pardevila denegóuselle o traslado en ambulancia para acudir ao centro médico, cando antes se lle concedía sen problemas”, relata o avogado e activista.

Pola súa banda, nun comunicado, a Coordinadora Estatal para a Prevención da Tortura alertaba de que, na  pasada sexta feira do 14 de xuño, o recluso galego fora trasladado ao médico no trasporte común para os presos, isto é, no chamado canguro.

“Este trasporte é penoso”, acusa quen tamén foi avogado de David Reboredo. “Os reclusos van tan amontoados que, cos bandazos do coche, caen uns por riba dos outros; hai xente que se marea e vomita e, polo tanto, un enfermo coma o meu cliente, con dores graves, contra as que habitualmente leva un parche de morfina, non está en condicións de afrontar un desprazamento así”, teima.

Como resultado desa viaxe no 'canguro', Vilasó Pardevila danouse o catéter que ten implantado na clavícula e, a través do cal, se lle administra a quimioterapia.

Perda de citas, perda de vida

Debido a esta lesión, negouse a se desprazar máis unha vez nesas condicións, após as negativas do penal a lle garantir o servizo de ambulancia. Deste xeito, o 18 de xuño perdía unha cita no Servizo de Hemoterapia do Hospital de León, imprescindíbel para determinar se estaba preparado para outra sesión de quimioterapia. E, polo tanto, a seguinte citación para recibir o tratamento contra o cancro foille suspendida.

Denegado o excarceramento por “perigosidade”

“Malia que incrementamos as queixas e tentamos de dar máis impulso á campaña, a situación é extremadamente grave”, lamenta o letrado. “Como as dores se agudizan a pasos de xigante, probablemente, a vindeira vez, admita o traslado en 'canguro' a pesar dos riscos”, avanza.

Guillermo Presa lembra que foron os propios médicos da prisión os que recomendaron a súa posta en liberdade por enfermidade terminal. Porén, a Xunta de Tratamento, que someteu o caso de Vilasó Pardevila a votación, denegou o excarceramento por un voto.

“Amparáronse en que a doenza non era o suficientemente grave e en supostos motivos de perigosidade para denegarlle a liberdade”, lamenta o letrado vigués, lembrando que o preso galego aseguroulle preferir morrer a vivir sen dignidade.

“Con todo, inda que interpretamos que a restrición dos traslado en ambulancia foi unha represalia, tamén puido deberse a unha cuestión económica; non teño datos”, reflexiona o avogado.

Neste senso, todas as previsións apuntan a que as tesoiras do Ministerio de Interior carrexarán un retroceso de décadas para atención sanitaria dentro dos muros.