Dispositivo case electoral para opositar ás prazas de Educación

Oposicións do Sergas en Silleda o pasado mes de abril. (Foto: Xunta da Galiza)
Queres coñecer a estratexia da Administración para que decorran as oposicións máis amplas da historia da Galiza? Os exames para conseguir unha das 3.894 prazas terán lugar en 23 municipios e haberá máis dun cento de sedes. Alí acudirán as máis de 25.000 candidatas.

As convocatorias de exames para prazas públicas dunha soa sede fican, polo momento, esquecidas. As instalacións do recinto feiral de Silleda acostuman levar gran protagonismo cando na Galiza decorre algún proceso de oposicións pero esta fin de semana todo o protagonismo estará fóra desta vila, case no centro do país. As probas para entrar no funcionariado do corpo educativo serán as máis amplas da historia e, malia que neste caso nunca se centraron nun só lugar, agora repartiranse entre 23 concellos.

Serán amplas, pero non só porque se oferten 3.894 prazas, senón tamén porque a vila que acolle normalmente as e os estudantes cambiará por 23 concellos de todo o país. Haberá máis tribunais e sedes que nunca antes.

Coa pandemia xa houbo probas en Silleda, se ben xa existira a distribución da concorrencia con Lugo ou Ourense, por exemplo. Agora o número de postos e a cantidade de candidaturas (hai 25.710 expedientes dados de alta) fan indispensábel artellar un dispositivo que case lembra máis a unhas eleccións que a unhas oposicións.

A primeira proba para acceder aos empregos en Educación terá lugar entre este sábado e o día 25 e vai haber un total de 132 sedes repartidas en 23 municipios. A segunda data aínda non se coñece, se ben suponse que o número de persoas aprobadas repercutirá na estrutura para examinarse.

En 23 lugares de forma simultánea

Polo de agora, esta primeira convocatoria semella máis un anuncio de restricións do Comité Clínico que unha axenda de oposicións, pois estas serán na Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros, Compostela, Monforte, Lugo, Viveiro, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Vilamarín, A Estrada, Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Valga, Vilagarcía e Vigo.

Así mesmo, A Coruña disporá de 24 sedes, mentres que Vigo terá 22. En Compostela haberá 15 lugares de exame e Ourense e Lugo ficarán con 14 e 12, respectivamente. Ademais, en Ferrol o dispositivo inclúe sete, en Culleredo catro, en Ponteareas tres e dous en Narón, Lalín e Vilagarcía.

O despregue de medios e espazos -centros educativos, conservatorios, escolas de arte...- responde a un intento por evitar que as oposicións repercutan na boa evolución da Galiza no que á situación epidemiolóxica se refire. O importante é pasar o exame, mais tamén evitar saír contaxiada da Covid-19. Por iso serán obrigatorias a máscara, o xel e a distancia de seguridade.

De feito, outras probas futuras como as de Correos (previstas para setembro) estabelecen Silleda como central pero puntualizan que as e os candidatos viaxen sós, que se vaia co tempo xusto para non desbordar a localidade e, mesmo, se especula con que as dúas oposicións serán pola mañá, cando antes había unha proba para axente de reparto e outra para axente das oficinas repartidas entre a mañá e a tarde.

Por especialidades

Respecto ás especialidades dos exames desde sábado, só de Educación, haberá 27 itinerarios nas sedes da Coruña, 18 nas de Vigo, 17 nas de Compostela, 14 nas de Pontevedra, 13 nas de Lugo e 12 nas de Ourense.

Os exames serán corrixidos por 368 tribunais, máis do dobre dos que había para avanzar na distribución das prazas no ensino de 2019.