O Tribunal superior de Madrid falla contra a dispersión d@s pres@s

[Imaxe: Maia]

Ao resolver un recurso interposto contra a dirección do penal de Dueñas (Palencia), que denegou o translado á Galiza do sindicalista Telmo Varela cando se atopaba en prisión preventiva, a sentenza ditada sinala ás claras que a práctica da dispersión deberá estar fundamentada "en causas concretas", e non en razóns xenéricas como a gravidade do delito ou motivos de seguranza.


"Non se xustificaron documentalmente as causas concretas que no interno desaconsellan o translado de centro a outro máis próximo á súa contorna familiar e social". É por iso que, en virtude desta sentenza do Tribunal superior de xustiza de Madrid, o preso galego Telmo Varela tería dereito a cumprir o que lle resta de condena nun centro penitenciario da Galiza.

Varela, que no momento de interpoñer o recurso en que interesaba o seu achegamento ao País (novembro de 2011) se atopaba en prisión preventiva baixo aplicación da lexislación antiterrorista, leva seis meses en liberdade provisoria á espera de que se resolva máis un recurso, este último presentado contra a sentenza que o condenou a catro anos de cárcere.

O sindicalista, militante da CUT cando foi detido, en decembro de 2010, en relación cun delito de depósito de explosivos do cal foi achado culpábel, ten cumprida xa a metade da condena, o que posibilitou a súa posta en liberdade namentres non se resolve o recurso.

Un paso adiante contra a dispersión

O fallo do superior madrileño supón un paso adiante xudicial en contra da dispersión penitenciaria á cal fican submetid@s @s independentistas galeg@s ao lles aplicaren a lexislación antiterrorista após a imputación por "pertenza a banda armada".

O fallo non recoñece con carácter xeral o dereito dos e das presas a ficaren custodiadas nun penal ubicado na súa contorna, mais si sinala de maneira rotunda que as razóns que fundamentan a práctica politico-penitenciaria da dispersión deben vir fundamentadas por algo máis que argumentos xenéricos como a gravidade do delito ou motivos de seguranza.

A traballadora social xa recomendara o translado de Varela á Galiza

Recólleo así o apartado final do fallo, onde se explica que, malia que a dirección do centro penitenciario de Dueñas (Palencia) --Varela foi transladado alí en xullo de 2011 após cumprir catro meses de prisión preventiva na Lama-- alega esas dúas razóns xenéricas, "no expediente administrativo non se xustificou documentalmente, cos preceptivos informes da xunta de tratamento, do educador social, psicólogo e traballador social as causas concretas que desaconsellan (...) o seu translado".

Con todo, a maxistrada Carmen Rodríguez vai máis aló e cita "o único informe existente da traballadora social". Nel admítese "unha proposta favorábel ao translado" de Telmo Varela á Galiza "para poder fomentar e manter os vencellos familiares".

Malia que este fallo afecta só o caso concreto do sindicalista, supón o primeiro paso nunha estratexia xurídica de denuncia da dispersión penitenciaria, paralela á denuncia política e social que veñen facendo familiares e amizades d@s independentistas galeg@s que fican pres@s e submetidas a esta práctica.