Dispárase a ocupación das UCI na última semana

Man dunha doente ingresada nunha UCI por coronavirus (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
125 novos ingresos en apenas sete días, facendo un total de 228.

Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade, Galiza é o territorio do Estado que máis ingresos rexistrou nas UCI durante os últimos sete días.

En concreto, 125 persoas foron trasladadas esta semana á unidade de críticos, facendo un total de 228.

Deste modo, a presión sobre as UCI dos hospitais galegos segue a dispararse día tras día, superando folgadamente o pico máximo de ingresos do pasado mes de abril, 177.

O especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez alertaba esta semana de que a ocupación real das Unidades de Coidados Intensivos era de 76,6%.

Deste modo, contabilízanse as 274 camas UCI que notificou Sanidade ao comezo da pandemia, mentres a cifra empregada pola Xunta contempla un total de 750 camas futuríbeis entre hospitais públicos, privados e prazas extrahospitalarias.

No tocante ás hospitalizacións convencionais, na Galiza houbo estas últimas sete xornadas 875 ingresos, o aumento máis elevado do Estado após os notificados polo País Valencià (1.513) e Andalucía (1.318).

Así mesmo, actualmente os hospitais galegos contan con 1.084 doentes internadas en planta.