Dispáranse os contaxios na residencia do Incio até os 113

Residencia de maiores do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, na que se detectou un foco da Covid-19 o 20 de agosto (Imaxe: Carlos Castro/Europa Press)

A residencia de maiores de San Rosendo no Incio, que permanece intervida pola Xunta, non estuda o "fechamento" tras rexistrar un brote da Covid-19 que afecta un total de 113 casos, 87 residentes e 26 traballadoras e traballadores.

Os datos actualizados hoxe supoñen que case un de cada tres maiores está infectado de Covid-19 nesta residencia, ademais do persoal que atende as persoas usuarias, que suman outros 18 que se incorporan aos outros 8 infectados de anteriores probas. De momento, foron tres as persoas falecidas relacionadas con este surto.

A pesar desta situación "extrema", fontes da residencia apuntaron que non pensan no "fechamento" e que seguirán atendendo os maiores, nun municipio que destacan que está "moi envellecido".

Segundo a empresa, nesta residencia intervida pola Xunta trabállase con dous equipos de profesionais, uns que atenden os positivos e o resto, que se dedica aos non contaxiados, que son 30 dos arredor de 120 residentes.

Ademais desde que se detectou o primeiro positivo por Covid-19, contrataron, defende San Rosendo, 14 novos traballadores, "moitos deles voluntarios de Ourense e Lugo", destacaron as mesmas fontes, que sinalan que se acondicionou o centro, situando na primeira planta os usuarios contaxiados e na segunda planta os negativos.

Así mesmo, estas mesmas fontes puntualizaron que os maiores confinados non "están graves", á vez que poñen de manifesto que no centro están "a seguirse os protocolos".