Dispáranse os casos nas residencias da área sanitaria da Coruña e Cee

Dúas traballadoras conversan diante dunha residencia de maiores na cidade de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As residencias de maiores e de atención á diversidade da área da Coruña rexistran un aumento de casos após o surto na residencia pública de Oleiros, do que a Xunta non ofreceu información detallada.

Por segunda semana consecutiva, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), dependente da Consellaría de Sanidade, desbota ofrecer información detallada dos casos activos de Covid-19 nas residencias de maiores e de atención á diversidade, así como da situación nos centros escolares, limitándose a informar dos casos agrupados por áreas sanitarias.

No que atinxe ás residencias de maiores e de atención á diversidade, o reporte do Sergas da cuarta feira revela que hai sete persoas máis coa doenza que hai sete días, até as 645 
infectadas.

A área sanitaria da Coruña e Cee sufriu o maior incremento, ao pasar de 181 doentes a 268, após o gromo na residencia pública de maiores en Oleiros, que afecta a arredor de 123 persoas, e que se fixo público grazas ás traballadoras e traballadores. Precisamente, na edición de onte, Nós Diario publicou, por erro, que a residencia Clece Vitam de Oleiros estaba sendo xestionada por DomusVi. Porén, a residencia na que se produciu o gromo é de xestión e titularidade pública.

Unha traballadora da citada residencia incidiu en que “temos dúas plantas case cheas”, definindo como “desastre” a xestión destas zonas. Aínda coa estimación de casos que transmite o persoal, 123 infeccións, a falta de información da Xunta impide saber a situación real nun centro con 284 prazas. Ao tempo, a CIG exixiu a comparecencia de Fabiola García, conselleira de Política Social.

Tamén aumentou a Covid-19 nos centros da área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que contan con 116 contaxios, sete máis que no anterior reporte. O mesmo aconteceu na zona sanitaria de Compostela e A Barbanza, con 52 persoas infectadas, 14 máis que no anterior reporte. Asemade, a outra área na que se elevaron os casos activos foi a de Pontevedra e o Salnés, con 29 infeccións, catro máis que a semana pasada.

Pola contra, diminuíron na de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, con 114 casos (52 menos), na de Vigo, con 60 casos (21 menos), e mais na de Ferrol, con 6 casos (32 menos).

Centros de ensino

Con respecto ás infeccións confirmadas hai unha semana, o número de casos activos reduciuse tanto na poboación vencellada a escolas infantís como na relacionada co resto de centros de ensino.

Nas primeiras, Sanidade transmite que hai neste intre 431 persoas co virus, 99 menos que no anterior reporte, con dúas aulas fechadas (seis menos), mentres que no resto de centros a cifra de casos activos é de 6.470 persoas, 2.480 menos, con 97 aulas fechadas, 29 menos.

O maior número de infeccións dáse nas áreas sanitarias da Coruña (1.433 casos e 35 aulas clausuradas), na de Compostela (1.433 casos e 30 aulas), e na de Vigo (1.648 casos e 25 aulas).

A Galiza supera as 3.000 mortes por Covid

A última actualización de datos da Consellaría desvela que desde o comezo da pandemia producíronse 3.008 defuncións con coronavirus na Galiza, nunha xornada na que se confirmou que os casos activos da doenza baixaron dos 50.000 por primeira vez desde comezos de xaneiro, sinala a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Ademais desta caída de arredor de 2.000 casos, até 49.376, tamén se rexistrou unha redución no número de contaxios, até 3.195, con datos recollidos entre as 18 horas da segunda feira e a mesma hora da terza feira.

Outro dos valores que diminuíu é a presión hospitalaria, malia a repunta nas Unidades de Coidados Intensivos, nas que están sendo tratadas 48 persoas (tres máis que 24 horas antes), mentres que en unidades de hospitalización permanecen 646 persoas (dez menos).