Os casos activos por coronavirus aumentan até os 16.754

Un traballador sanitario protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A presión hospitalaria que deixa a pandemia da covid-19 na Galiza rexistrou un lixeiro incremento nas últimas horas

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización enviada na mañá de hoxe, con datos recollidos até as 18 horas do sábado, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 16.754 (+762).

Por áreas sanitarias, 2.986 son da área da Coruña (+177), 1.761 da de Lugo (+144), 2.361 da de Ourense (+29), 2.873 da de Pontevedra (+88), 3.915 da área de Vigo (+181), 2.100 da de Santiago (+110) e 758 da de Ferrol (+33).

A presión hospitalaria que deixa a pandemia da covid-19 na Galiza rexistrou un lixeiro aumento nas últimas horas. Do total de pacientes positivos, 23 están en UCI (+1), 205 en unidades de hospitalización (+22) e 16.527 (+741) no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 130.615 persoas curadas, rexistrándose 2.448 falecementos.  

O número de PCR realizadas é de 2.513.901.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.399.577.

Falecementos 

A Consellaría de Sanidade notificou un novo falecido con covid-19 este sábado, polo que a cifra de vítimas que deixa a pandemia de coronavirus na Galiza ascende a 2.448.

Esta última morte relacionada co coronavirus produciuse na sexta feira 23 de xullo e trátase dun home de 86 anos de idade que faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) e que presentaba patoloxías previas.

Conforme foi avanzando o proceso de vacinación, o número de falecidos que se notifica cada día foi en descenso na Galiza, na liña co que sucede no resto do Estado español.

Residencias 

A Consellaría de Sanidade inclúe dous usuarios positivos por Covid-19, pertencente á residencia Bodía Magnolio, en Vigo.