Disparan a dous autobuses de Monbus en Betanzos

O suceso ocorreu nos arredores dunha nave de Betanzos. (Foto: Nós Diario)
Non houbo feridos mais si dúas fiestras rotas.

Dous autobuses de Monbus foron alcanzados esta cuarta feira por senllos impactos en Betanzos, segundo confirmaron da compañía que sinalaron que se tratou de balas de aire comprimido. Malia que inicialmente se apuntaba a que era un autobús o que rexistrara os impactos, finalmente desde a empresa confirmaron que eran dous os vehículos e que os feitos se produciron contra as 7 horas da mañá, cando acababan de iniciar o servizo.

Nos dous casos trátase de liñas do servizo integrado, un deles transporte escolar mentres o outro cubría unha liña de transporte regular. Nun caso non requiría de acompañante e no outro si, aínda que esta persoa non se atopaba aínda no bus cando se produciron os feitos.

En concreto, un dos impactos produciuse cando estaba o autobús, segundo as fontes consultadas, na rúa Saavedra Meneses, de Betanzos, e no outro no paseo Ramón Beade, ambos os casos sen pasaxeiros e sen que se producisen feridos, máis aló dos danos materiais.

O impacto das balas alcanzou as fiestras dos autobuses, aínda que desde a empresa precisaron que só o exterior e non o interior, por tratarse de dobre cristal, polo que se puido realizar o servizo de primeira hora para logo trasladar os vehículos ao taller.

Desde a empresa confirmaron que presentarán denuncia e aseguraron que están á espera do que se determine na investigación. Tamén indicaron, como fixeron fontes próximas á investigación, que non se pode falar de que unha persoa con carapucha fose o autor dos disparos e ratificaron que este extremo non está confirmado.

Si explicaron que os dous incidentes, con senllas fiestras rotas, producíronse cunha diferenza de tempo "moi breve" a pesar de tratarse de dous lugares distintos.

*Información actualizada ás 13.20 horas