Disólvese a comunidade Blogaliza

Comunicado de despedida de Blogaliza.

O proxecto Blogaliza naceu en 2003. O que comezou como unha comunidade cibernética, segundo a entrada da Galipedia “de persoas usuarias dun sistema de subscrición e publicación de historias de ámbito galego” acabou como unha ferramenta para a creación de blogs. Quince anos despois anuncia o seu final.
 

“Blogaliza foi un soño no tempo, unha illa na rede, un criadeiro de blogs destinado a permitir a comunicación e expresión persoal e libre”, afirma o comunicado de despedida, que será o vindeiro 25 de abril. “Blogaliza foi unha Zona Temporalmente Autónoma, pero agora toca voltar á escuridade, disolverse na néboa”, engade, “para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas”.

 

Blogaliza acabou sendo un dos máis activos dominios dentro da activa rede galega de bitácoras, bautizada por alguén como “blogomillo”. Na orixe da iniciativa, que avisa agora ás usuarias de que deben facer copias dos contidos, atópase Pedro Silva. E entre as autoras e autores de blogs con ese enderezo, poetas e novelistas como Miro Villar, Mario Regueira ou Marcos Calveiro.