Os discursos da ultradereita avivan as lapas do racismo na Galiza

Mobilización en defensa dos dereitos das persoas migrantes decorrida o pasado 25 de marzo en Compostela (Foto: Arxina).
Nas últimas datas Compostela foi testemuña de diferentes agresións e actos de violencia proferidos contra persoas migrantes. Esta "escalada de violencia" que semella estarse a producir, non só na capital, senón en toda Galiza, preocupa pola "normalización dos discursos racistas" que se dá nas institucións.

Segundo a última Enquisa sobre Delitos de Odio que vén de facer pública o Ministerio de Interior, con datos de xuño de 2021, tres de cada dez delitos de odio teñen unha motivación racista ou xenófoba. Aliás, 60% das persoas enquisadas percibiron un incremento significativo deste tipo de condutas nos últimos cinco anos, ao tempo que a práctica totalidade reclamaron máis medidas para facerlles fronte.

O pasado 22 de xuño o Foro Galego de Inmigración alertaba, a través de diferentes testemuñas que o denunciaran nas redes sociais, dunha presunta agresión racial por parte dun grupo de axentes da Policía Nacional a un mozo de 15 anos.

Os feitos decorreron contra as 20.30 horas en Porta Faxeira (Compostela), segundo a versión do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e con base nos atestados policiais, cando un vehículo do corpo de seguridade pasaba pola zona e "alguén lle tirou algo, supostamente un bote".

Os axentes tentaron identificar o autor e, ante as protestas deste mozo, relatan as persoas presentes, detivérono con violencia: "Agarrárono con forza no chan, coa cara contra o asfalto, o colo apertado e tirándolle do suadoiro mentres o rapaz berraba desesperadamente".

Apenas dous días despois, na quinta feira día 24, o rexedor confirmou que unha veciña orixinaria do Perú fora vítima dunha agresión xenófoba na noite de San Xoán perpetrada, presuntamente, por un pai e os seus dous fillos, que proferiron diferentes insultos contra ela, segundo consta na denuncia.

Aliás, tamén na capital, unha mostra artística de apoio ás persoas refuxiadas foi vandalizada recentemente. Ante esta sucesión de agresións racistas cómpre preguntarse: por que se está a acrecentar a violencia racial?

"O elemento fundamental nestes actos racistas é a propia actuación dos grupos de extrema dereita, nomeadamente Vox, e en parte tamén apoiado polo PP, que fan discursos abertamente racistas desde as institucións", lamenta, en declaracións a Nós Diario, o portavoz do Foro, Miguel Fernández. Como consecuencia, sinala, "algunhas persoas ven que esas ideas que antes semellaba que non se podían ter agora están lexitimadas, e incluso pensan que poden empezar a actuar de forma violenta".

Para Fernández, "eses discursos racistas van calando" e as actitudes violentas maniféstanse "tamén noutros eidos", como a homofobia. "Son mensaxes simples propias do fascismo, que non levan á reflexión e pola contra incitan a que determinadas persoas falen de que sufrimos unha 'invasión'", conclúe.

Malia que os últimos altercados se teñen producido na capital galega, advirte que se trata dunha tendencia xeral no país: "Ese caldo de cultivo que xa se estaba dando noutros territorios coma Madrid ou Murcia, onde son máis habituais as agresións xenófobas, agora empezan a chegar á Galiza, e seguirán a estenderse mentres non haxa condenas claras".

Desde o Foro teñen constancia de "entre 10 e 20" actos de violencia racista no que vai de ano, mais Fernández matiza que "se producen moitos máis dos que saen á luz, porque moita xente non denuncia ou algunhas agresións non son presenciadas por ninguén".

No que atinxe a Compostela, expón: "Supomos que hai un grupo de persoas que empeza a actuar, mais non o sabemos con certeza".

"O Estado tamén ten parte de culpa"

"Desde as institucións e algúns sectores sociais resulta doado solidarizarse coa muller agredida ou a exposición vandalizada, mais os políticos tamén son responsábeis de cuestións como a Lei de Estranxeiría, o que está a acontecer na fronteira do sur do Estado —Ceuta e Melilla— ou as políticas migratorias da Unión Europea (UE)", censura.

Neste senso, salienta que o Estado español, "coa excepción dos países máis próximos ao fascismo", é "un dos que menos solicitudes de asilo concede na UE" malia recibir numerosas peticións nos últimos anos.

Violencia cotiá

Alén dos máis evidentes actos de "violencia bruta", o portavoz do Foro pon o foco na "violencia cotiá" que moitas persoas padecen: "É habitual que teñan maiores dificultades para atopar unha vivenda polo seu aspecto, ou cando acceden a un determinado posto de traballo algunha xente deduce que deben cobrar menos que alguén 'de aquí'".

"A violencia policial está institucionalizada"

Miguel Fernández lamenta que a presunta violencia policial contra un menor en Compostela, "que quizais con outro rapaz non se tería producido", non é un caso illado: "Sabemos que existen as redadas racistas, cando a Policía pide a identificación pola rúa ou na estación de autobuses a un determinado perfil de persoas, e é algo institucional desde hai tempo".

Neste caso concreto, apunta que, "por moito que o rapaz tivese cometido algún tipo de delito ou trasgada", a actitude dos axentes foi "totalmente desmesurada", xa que as testemuñas "quedaron abraiadas".