Francisco Cortez-Lobão: "O discurso político na prensa galega non está cinguido á sección de Política"

O doutor Francisco Cortez-Lobão.
Hai apenas un mes, Francisco Cortez-Lobão obtiña o doutoramento cum laude pola súa tese "As eleccións municipais de 2015 na prensa escrita galega. Tratamento do novo escenario político". Falamos con el sobre o papel dos medios galegos naquela cita electoral e sobre a súa dependencia das institucións públicas. 

Fala, na súa tese, dun panorama mediático conservador, "que procura manter o statu quo da correlación de forzas do sistema político galego". A través de que indicios detecta esa posición? 
Na tese, todas as conclusións dedúcense a partir da lectura analítica da prensa con base no método científico; é un traballo de reconstrución case detectivesca. Desde esa base, identifiquei tres mecanismos que se utilizaban para manter ese statu quo. Primeiro, na representación mediática maioritaria dos actores tradicionais, especialmente do PP e o PSOE. A terceiro forza, en clave de presenza mediática, varía moito entre o BNG ou o espazo das Mareas e Podemos, dependendo do xornal, pero moi por detrás. O PP sempre era o partido que máis facilmente accedía ás canles de produción xornalista. 

Cales son as outras ferramentas que detecta?
A segunda ten a ver coa Agenda setting, coa escolla dos temas dos medios. Percibín unha correlación importante entre as axendas mediáticas que lle podían interesar á axenda de temas das institucións e a axenda dos medios de comunicación. Poño por caso a cobertura arredor do aeroporto de Peinador no Faro de Vigo, que foi das máis rechamantes, ou, no caso de Ourense, temas bastante banais, como beiarrúas en mal estado, prexudiciais para o Concello. O de Ourense é un dos poucos casos que estudei onde había unha aberta oposición por parte do medio de referencia, La Región, cara ao Goberno municipal. 

E o terceiro mecanismo?
Ten relación co que chamei a axenda de atributos, a descrición semántica e de todo tipo que se facía nestes medios dos actores políticos, oficiais, institucionais. Nela tendíase a asociar as forzas maioritarias do sistema de partidos español, especialmente o PP, con conceptos positivos como o de estabilidade ou xestión. No caso de La Voz de Galicia, o tratamento do espazo das Mareas e Podemos usaba, non termos despectivos pero si construcións que tendían a asocialas con inestabilidade, falta de experiencia ou incluso  oportunismo político. 

Porén, os comicios de maio de 2015 supuxeron a entrada de novas forzas. Que papel xogaron estes medios?
A tese o que analiza especificamente é o discurso xornalístico, o impacto dese discurso é máis difícil de medir. O voto non se decide só polo que se le nos xornais, aínda que si é unha parte importante. Máis que co resultado, eu asócioo con que as eleccións se xogaron no marco narrativo que deseñaba a prensa malia que non sempre cos obxectivos que esa mesma prensa pretendía. Podemos dicir, de maneira metafórica, que se o xornalismo fose contar un conto, non sempre a simpatía do narrador por un personaxe será a mesma que a do lector. Quero sinalar tamén que o discurso político na prensa, o que pode mobilizar unha persoa a emitir un voto ou outro, non está cinguido á sección de Política. Faise moita política desde a de Infraestruturas. O estado da cidade, beirarrúas... Asuntos que xuntan a moita xente arredor dun tema. Son pautas de consenso á hora de construír un discurso político municipal. E despois está a sección de Economía, onde tamén se fai moita política.

O seu traballo conclúe que que existe unha dependencia institucional "nítida" na prensa galega. A que niveis a percibe?
Sobre todo, á hora de trabar relacións económicas, que se articulan mediante convenios e acordos publicitarios de todo tipo. Aínda que non é información de moi fácil acceso, vese unha correlación notoria entre os acordos publicitarios e a presenza institucional neses xornais e, sobre todo, na simpatía cara a un actor ou outro. Un aspecto que me chamou a atención foi que resulta moito máis fácil acceder aos convenios da Xunta ou  de concellos como o de Vigo coa prensa que doutras institucións que me pareceron máis opacas, caso da Deputación de Ourense. 

Pensa que é posíbel exercer a independencia informativa desde a dependencia económica?
Nas condicións actuais, é moi difícil. A resposta sería negativa, porque  moitas veces vincúlase a estas fontes de ingresos non só a cobertura informativa senón a capacidade económica ou de supervivencia do propio medio. Aquí falo a un nivel teórico, non teño diante as contas de ningunha destas empresas, pero vexo que é un mal principio porque xera unha dependencia que pode incluso desenvolver demasiado un medio sen unha base de lectores que puidese manter por criterios estritamente xornalísticos.

Cambiou algo nestes cinco anos esa dependencia?
Esta cuestión queda fóra do campo de análise, co que as miñas opinións son meramente intuitivas, pero a miña percepción é que no substancial non mudou. A situación de dependencia é estrutural e dase sobre todo nas Administracións que levan moito tempo en mans do mesmo partido, sinaladamente nas de partidos de ámbito estatal. Opera a varios niveis, en varias estruturas territoriais, e é moi complicado que puidese ter mudado neste tempo porque non mudou nin a cultural política nin xornalística que a alentan. 

Tamén nos deportes

Para describir os espazos desde os que se fai política nos medios, Cortez-Lobão pon o exemplo do tratamento do decreto dos dereitos televisivos para as emisións de fútbol, que provocou unha ameaza de folga de xogadores na xornada electoral.

"Tamén aí se fixo política, marcadamente en apoio do Goberno de Mariano Raxoi. Aquela folga presentouse como unha protesta de ricos, só de xogadores de Primeira División. Mesmo a entón vicepresidenta, Soraya Saez de Santamaría, chegara a dicir sobre este asunto que 'fútbol es fútbol' e que a política non podía meter a man en todo.

Foi toda unha declaración de intencións, en boca dun personaxe político e en beneficio do seu partido", observa. "Unha folga do fútbol en xornada electoral non é algo que ningún partido queira xestionar desde o Goberno", advirte.