A discapacidade auditiva do profesorado, fóra das guías Covid

A Covid-19 pon o foco sobre a inclusión real das persoas con diversidade funcional (UVigo).
María Jesús Dans Sampedro ten 63 anos e é xorda desde que fixo un. Con todo, aprendeu a falar, sacou dúas licenciaturas e aprobou as oposicións ao corpo docente do ensino secundario. É profesora desde hai 30 anos, e a Covid veu frustrar a eficiencia das súas aulas sen que a Administración lle facilite os recursos necesarios para recuperala.

A pasada cuarta feira a Consellaría de Educación e Cultura publicou o Protocolo de prevención da transmisión da Covid-19 no alumnado con necesidades educativas especiais para o ámbito educativo, un texto no que a Administración avanzou despois de se reunir coas asociacións de atención á diversidade. Fóra dese marco, e do regulamento xeral de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino, permanecen as necesidades específicas do colectivo docente con diversidade funcional. É o caso de María Jesús Dans Sampedro, profesora de lingua castelá no IES Neira Vilas de Oleiros. Desde maio ven reclamando unha solución que lle permita adaptar as súas aulas á "xordeira profunda" que sofre desde cativa, tanto na súa versión telemática como presencial, coincidindo co inicio do curso e o uso obrigatorio da máscara.

Sen unha intérprete que salve a barreira visual que estabelece a máscara para atender directamente o alumnado, non acadará un resultado óptimo.

"Desde que entra no instituto está condenada á incomunicación", asegura o seu fillo, Lois Alcaide Dans. "Ela fala perfectamente, pero necesita ler os labios para relacionarse. Os protocolos non recollen o seu caso, e nin a Xunta nin o centro educativo achegaron solución algunha" para facer máis eficiente a interacción co seu alumnado.
María Jesús Dans Sampedro imparte aulas de castelán a perto dun cento de estudantes de 2º e 3º da ESO "coa máxima normalidade que lle permite a situación e tres décadas de experiencia no ensino", afirma Lois Alcaide, mais sen unha intérprete que salve a barreira visual que estabelece a máscara "para atender directamente o alumnado, non acadará un resultado óptimo".

A normativa recolle que o alumnado con discapacidade auditiva ten dereito a contar cunha persoa intérprete na aula. "É o mesmo que solicita miña nai como docente ante a indiferenza e o desleixo da Administración". Un dereito que ratifican desde a Federación de Asociacións de Persoas Xordas da Galiza. "Non sabemos de máis casos, pero non impide que a Administración lle facilite todos os recursos técnicos e humanos". 

Día Internacional das Persoas Xordas

"Sen unha atención sanitaria accesíbel, as persoas xordas estamos en risco". É o lema escollido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas da Galiza para conmemorar este sábado, 26 de setembro, o Día Internacional das Persoas Xordas, unha data na que mudarán a manifestación única que viñan convocando nos últimos anos por sete concentracións pacíficas diante dos principais hospitais galegos para reclamar intérpretes de lingua de signos en cada centro as 24 horas do día.

"Trátase dunha demanda pola cal o colectivo de persoas xordas leva moito tempo loitando, pero que toma especial protagonismo no actual contexto de pandemia, coa aparición de novas barreiras como a atención telefónica ou o  uso de máscaras, que impiden a comunicación entre o persoal sanitario e as persoas xordas e poñen en risco a súa saúde", salientan fontes da federación.

Mobilizacións

A mobilización principal terá lugar ás portas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ás doce do mediodía. Á mesma hora están convocadas outras seis concentración en Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.

"As concentracións serán limitadas e os participantes acudirán vestidos de negro e coas mans atadas", un xesto que busca representar a imposibilidade de utilizar a lingua de signos dentro do sistema sanitario todos os días do ano a calquera hora. "A federación ofrece un servizo limitado en tempo e recursos, só para citas programadas, que non garante as necesidades reais da poboación xorda". Segundo o censo de 2020, na Galiza hai 14.250 con certificado de discapacidade auditiva.