Ensino: sen directrices para o terceiro trimestre

Sindicatos e demais axentes educativos critican o "desgoberno" da conselleira de Educación (na foto) no inicio da última avaliación. (Europa Press)
As pautas dadas na tarde da pasada segunda feira pola Consellaría de Educación a poucas horas do reinicio do curso escolar após o parón da Semana Santa e na situación excepcional derivada polo confinamento é, a ollos dos sindicatos do ámbito do ensino, unha nova proba do  "abandono" e "desgoberno" que sofre o persoal docente. 
 

Cun breve escrito, dirixido ás direccións, a Xunta empraza a continuar coa actividade lectiva non presencial "mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave" e deixa en mans dos centros educativos "as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto", en espera da conferencia sectorial de Educación fixada para hoxe na que se prevé coordinar as medidas a adoptar.

"Comezamos un trimestre como acabamos o anterior: sen saber con que idea traballa a Administración cara ao final de curso, sen unhas indicacións sobre a avaliación e sobre actuar en relación á fenda dixital", critica a CIG, que resume as indicacións da consellaría ao profesorado coa máxima do "ti vai facendo" en tanto que as recomendacións, aféalle, "non din nada novo". 

"Tivemos que organizármonos entre nós, porque a consellaría tardou semanas, e seguímolo facendo; aprendendo novos instrumentos, ferramentas e formas para minimizar no posíbel o confinamento e a distancia co noso alumnado porque é de xustiza", estima Leonor Torres, profesora de Bioloxía no IES Xohan Carballeira de Bueu e quen se amosa escéptica coas medidas que poidan saír do encontro interadministrativo previsto para hoxe.

A CIG, maioritaria no ensino galego, urxe a Administración educativa a "exercer as súas competencias" e chama a abrir o diálogo co profesorado e cos demais axentes educativos para adoptar as medidas de aquí a xuño, mais desbotando xa a posibilidade de incorporar novos contidos ao currículo.

Tanto este como o resto de sindicatos concordan en entender inviábel, a falta de clases presenciais, seguir avanzando nas materias docentes avaliábeis con equidade. "A premisa básica debe pasar por garantir o dereito educativo de todo o alumnado, con atención acorde ás circunstancias de cada familia e cos contidos amoldados", apunta desde UXT a responsábel de Ensino, Paula Carreiro, quen reclama da Consellaría indicacións "claras" sobre o contido do trimestre, para acabar coa "indefensión"  que está a sufrir o profesorado, "ao que se lle obriga a reorganizar, dun día para outro, as tarefas, pero sen información do contido".

Segundo entende a responsabel sindical, esta situación de excepcionalidade vai requirir dunha adaptación de cara ao vindeiro curso que "terá que vir regulada polas Administracións" e non  pode quedar a criterio dos centros ou do profesorado. No mesmo sentido prenúnciase a secretaria xeral da federación de ensino de CCOO, Luz López, quen empraza as Administracións educativas a realizar esa "flexibilización" para evitar ampliar fendas entre o estudantado.

"Hai centros privados nos que 100% de alumnado pode recibir formación telemática. Se eses centros comezan o próximo curso onde o deixaron, créase unha diferenza con todos aqueles que non puideron dar esas materias", exemplifica, lembrando o papel "compensador das desigualdades" que debe cumprir o ensino. 

As ANPA piden dar por finalizado o curso en canto á avaliación 

Tamén a confederación Anpas Galegas e a Confapa Galiza avogan por dar por finalizado o curso en termos de avaliación, a data de 13 de marzo. Nun escrito asinado en conxunto cos sindicatos de ensino (CIG, FESP-UXT, CCOO, CSIF e ANPE), e enviado á Consellaría de Educación, as asociacións argumentan que o curso "nin tivo nin pode ter continuidade real" desde que rematou a formación presencial.

A proposta prevé a continuidade do calendario escolar e o estabelecemento de criterios excepcionais de avaliación que posibiliten a promoción do alumnado e reclama tamén a reorganización dos currículos de cara aos cursos vindeiros, así como mecanismos compensatorios que eviten no próximo ano un esforzo "inasumíbel" para unha parte do estudantado.

O escrito incide ademais na necesaria participación de todos os axentes na toma de decisións.