Sentenza do Superior a demanda da CIG

Os directores dos colexios non teñen que recibir os alimentos do comedor

Comedor escolar.

Unha sentenza do Tribunal Superior recoñece o dereito dos directos dos colexios públicos a non se facer cargo da recepción dos alimentos destinados ao comedor escolar. Confirma un ditame previo dun xulgado vigués, emitido a raíz dunha demanda presentada pola CIG.
 

De fondo atópanse as intencións da Consellaría de Educación de evitar retribuír axeitadamente os oficiais de cociña dos centros públicos. “Na meirande parte dos centros non se conta con oficial de primeira”, sinala a CIG Ensino nun comunicado, “e existe xa reiterada xurisprudencia que lles recoñece o dereito aos oficiais de segunda a cobrar por realizar funcións de categoría superior, pagamento que a consellaría pretende evitar”.

 

O Superior bota abaixo coa súa sentenza a imposición unilateral do xefe territoria de Educación de Pontevedra, que obrigou a que fose a directora dun centro “a que tivese que estar pendente de recibir os provedores e as mercadorías para o comedor escolar”. Esa Xefatura Territorial nin sequera respondeu ao escrito que lle remitiu esa traballadora pedindo explicacións sobre “as responsabilidades e funcións da dirección”.

 

O documento xudicial afea á Administración que faga recaer no colectivo docente “responsabilidades que lle corresponden ao persoal de cocila por cuestións puramente economicistas”.

 

“Foi un abuso de autoridade do xefe territorial de Pontevedra”, afirma o sindicato, maioritario no ensino público, “ao impoñer unha funcións que non son propias do persoal docente, sexa membro da dirección ou responsábel do comedor”.