No Parlamento de Galiza

O director xeral da CRTVG di agora que a entrevista cancelada con Sés foi “adiada”

O director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo durante a súa comparecencia na comisión parlamentaria de control do ente público este 26 de abril. Foto: cedida.

“Adiar non é o mesmo que cancelar”. Con esta afirmación, o director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo negou en sede parlamentaria o veto á cantante Sés na Televisión de Galiza por vestir ela unha camiseta co lema Defende a Galega. Non aclarou se este adiamento inclúe a realización e emisión da entrevista comprometida e finalmente “adiada”.
 

Na comisión de control do ente público de comunicación do Parlamento de Galiza, Sánchez Izquierdo asegurou que “non é certo que se cancelase unha entrevista con Sés a causa da súa vestimenta”. “Se o que se refiren é a unha cita que a cantante tiña co programa A Revista, foi adiada por motivos de programación. Non é a primeira nin a última vez que se reprograma unha entrevista”, engadiu.

 

O máximo responsábel da corporación lembrou que Sés foi entrevistada en directo no espazo Zig Zag “e emitiuse sen problema” e tamén na Radio Galega. E referiuse a que poucos días despois membros do grupo de garaxe pop Novedades Caamagno [sic, é Familia Caamagno] apareceron en Zig Zag coa camiseta reivindicativa da dignidade dos medios públicos de comunicación.

 

Pero Alfonso Sánchez Izquierdo non se limitou a ofrecer esas explicacións ás preguntas dos grupos da oposición ao respecto. Acusou a Sermos Galiza de publicar “información falsa”. “Quen acusou a profesionais da CRTVG de vetar a esta cantante tivo que rectificar ante a falsidade da información e baixo requerimento legal por parte da CRTVG”, dixo.

 

A compañía pública remitiu un burofax a esta redacción -o terceiro no último ano e medio relacionado con novas sobre a conflitividade interna do ente- desde un despacho privado de avogados en que esixía unha rectificación. Porén, o mencionado documento non negaba a existencia dunha orde interna de non emitir contidos relacionados coa artistas que estaban xa programados. Neste sentido, e non no da rectificación, publicou a noticia Sermos Galiza.

 

Fronte ao que afirmou o director xeral da CRTVG en sede parlamentar, Sermos Galiza tivo coñecemento a través de traballadoras e traballadores do ente público do veto a Ses. De feito, malia estar prevista na escaleta do programa Zigzag fin de semana, presentado por María Solar, a emisión dun videoclip en que participaba Ses despois de que a cantora acudise á televisión pública cunha camisola co lema #DefendeAGalega, traballadoras e traballadores informaron a este medio de que ordenaran substituír o vídeo por outro.

 

Os María Casares e a dimisión da valedora


Na súa comparecencia no Parlamento galego, Sánchez Izquierdo tivo que responder a preguntas de En Marea, PSdeG e BNG a respecto de numerosos sucesos referidos a protestas por manipulación informativa. O caso Sés saíu no debate sobre a instrución interna para regular a vestimenta das traballadoras e traballadores, en realidade dirixida a impedir os orixinais métodos de protesta do cadro de persoal que promove os Venres Negros.

 

A non emisión por primeira vez dos premios de teatro María Casares e o tratamento informativo da estraña dimisión da Valedora do Pobo acusada de enchufar a irmá do portavoz parlamentario do PP foron as outras cuestións debatidas no Hórreo. Alfonso Sánchez Izquierdo defendeuse afeándolle á oposición unha suposta “campaña de desprestixio” dos medios públicos galegos.