CRTVG xustifica a non emisión da nova da vacinación irregular da alcaldesa de Boimorto na falta de tempo para coller imaxes do arquivo

Captura de pantalla dunha información sobre vacinacións irregulares na cúpula militar do Estado español (Imaxe: CRTVG).

O feito non foi tratado nos telexornais da TVG do 28 de xaneiro, a pesar de si informarse de vacinacións irregulares no Estado

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificou na comisión de control que a vacinación irregular da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, non figurou entre as novas dos informativos da TVG o día en que a noticia da súa vacinación saltou á prensa debido "aos tempos dos procesos informativos". Novo mantense na Alcaldía aínda que pediu baixa no PP logo do sucedido e de que o partido lle abrise expediente.

A deputada do BNG María Albert reprochou na Comisión a Izquierdo que, pese ao interese informativo, o feito non foi tratado nos telexornais da TVG do 28 de xaneiro, a pesar de si informarse de vacinacións irregulares no Estado. Outras televisións, porén, s que recolleron a nova da vacinación irregular da alcaldesa.

Albert tamén lembrou que no telexornal do día 29 foi emitida unha información sobre a apertura de expediente á alcaldesa por parte do PP sen dar cabida aos postulados das demais forzas políticas.