O director da CRTVG declara no Xulgado esta quinta feira por un presunto delito de acoso laboral

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha recente comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
Unha traballadora interpuxo unha querela criminal.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, comparece esta quinta feira no Xulgado de Compostela para declarar como investigado na querela criminal interposta por unha traballadora da Radio Galega en relación a posíbeis delitos de acoso laboral e contra os dereitos dos traballadores. Canda Sánchez Izquierdo comparecerá o coordinador do Servizo de Prevención da compañía pública galega de radiotelevisión, Manuel Casás Macías.

Estas declaracións veñen precedidas das realizadas o pasado 31 de xaneiro polo director de Innovación e Negocio, Xosé Pereira, o subdirector dos Servizos Informativos, Alejandro López Carballeira, e a Xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e o 15 de febreiro pola coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña e a que fora directora de Recursos Humanos nos anos nos que se produciron os feitos, Susana Fernández. Fica pendente a declaración da xefa de Xestión de Persoas e Seguridade Social, Paula Veloso Pereira, que non declarou o pasado 15 de febreiro por premura da axenda xudicial. A querelante é unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. 

"Ouvidos xordos" á petición de amparo

No xulgado de instrución compostelán Sánchez Izquierdo terá que responder mañá da súa conduta en relación con máis dunha ducia de comunicacións que a traballadora querelante lle enviou solicitando o seu amparo, apuntan a Nós Diario fontes coñecedoras do procedemento. Nos dous únicos escritos de resposta, Sánchez Izquierdo comunícalle que, “ao seren as cuestións mencionadas de carácter laboral”, non as considera da súa competencia e se limita a remitilas á dirección de Recursos Humanos, que xa as tratara con anterioridade desestimándoas.

"Así despachou Sánchez Izquierdo o escrito que a traballadora lle trasladou sobre a decisión da Dirección de Recursos Humanos de non seguir a recomendación do servizo médico da empresa de cambio da situación física da traballadora, asignada por Alejandro López Carballeira fronte ao seu despacho, e que, segundo o informe pericial, “estaba a afectar negativamente a súa saúde", apuntan estas fontes.

A mesma atención de Sánchez Izquierdo, prosegue, mereceu a mudanza da traballadora do departamento comercial a informativos, xustificada por Xosé Pereira pola necesidade de dispor dunha “voz feminina” nun departamento conformado por 24 redactoras e 12 redactores. E igual sorte correu a denegación empresarial da solicitude de libranza da traballadora para acompañar o seu pai ancián do hospital no que estaba ingresado a unha residencia e a posterior sanción por abandono do posto de traballo imposta polo Director de Recursos Humanos, Víctor Tubío, “sen contrastar e con desconsideración da motivación da solicitude”, segundo afirma o comité de empresa.

Legalidade

Agás Manuel Casás e Vitalina Cuña, pertencentes ao cadro de persoal da CRTVG, o resto dos investigados teñen contratos de alta dirección, cuxa suposta legalidade está pendente de resolución xudicial. Amparándose na normativa que regula a alta dirección, Alfonso Sánchez Izquierdo nomea o persoal directivo polo sistema de libre designación.