Un directivo de San José, imputado por suposta espionaxe a xornalistas de La Voz de Galicia

O ex comisario Villarejo (Imaxe: La Sexta)

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellán vén de imputar o responsábel de riscos laborais da construtora galega San José, Antonio Carpintero, ao que a Fiscalía Anticorrupción atribúe un delito de suborno pasivo.

Nun auto que viu a luz esta cuarta feira o xuíz, a instancias da Fiscalía, levanta o secreto de sumario sobre a peza xudicial na que se investigan presuntos encargos de espionaxe por parte de San José ao ex comisario da Policía española José Villarejo.

O maxistrado chama a declarar por estes feitos –aínda que non deu a coñecer a data en que os citará– a Carpintero, a Villarejo e o socio deste, Rafael Redondo. Impútaos por suborno pasivo. Así o asegura El Confidencial, que engade que a peza sobre a construtora San José foi aberta a raíz dos indicios que apuntaban a que a empresa galega recorreu ao comisario para tratar de espiar xornalistas de La Voz de Galicia.

O medio cita documentos incautados a Villarejo que demostrarían que San José contactou con el para lle pedir, supostamente, que fixese seguimentos aos redactores. Porén, non fica claro que se a espionaxe chegou a producirse nin se o ex comisario recibiu pago ningún por esa tarefa.

Os feitos decorrerían hai aproximadamente unha década, na época en que o medio editado en Sabón (Arteixo) mantiña unha cruzada coa construtora galega.