Unha directiva europea amplía os dereitos das mulleres en situación de violencia machista

Recolle un catálogo de dereitos para vítimas de delitos criminais, entre eles de xénero, que poden ser invocados durante o proceso xudicial e perante calquer axente. 

 

A lexislación española vén de transpor a Directiva 2012/29/UE através da Lei 4/2015 do 27 de abril, mais que non entrou en vigor até o mes de outubro. A incorporación desta norma ao ordenamento xurídico español supón o recoñecemento e ampliación dos dereitos das mulleres en situación de violencia machista e a posibilidade de que estes sexan invocados perante calquera dos axentes que interveñen durante o proceso xudicial.  

O obxectivo da directiva comunitaria é paliar a re-vitimización que teñen denunciado as mulleres en situación de violencia machista após acudir aos tribunais. Unha realidade que Sermos Galiza ten abordado no semanario en papel e tamén no diario dixital en anteriores ocasións. 

“Non se está facendo valer o carácter integral da actual normativa legal” pois “a muller que decide saír da situación de violencia séntese pouco amparada polo sistema” véndose “inmersa nunha peregrinación por diferentes instancias públicas nas que debe repetir e revivir a súa situación”, explicaban desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) na altura. 

Ao mesmo tempo desde as asociacións e colectivos que apoian as mulleres en situación de violencia machista advertían da "descoordenación" e "burocratización" dos procedementos. “Solicitan unha cita cun traballador social sobrecargado e tardan meses en dárllela. Cando a conseguen pídenlles moita documentación, desde acreditar unha situación económica insuficiente até a súa realidade familiar", explicaba Marta Rodríguez Engroba desde Sí hai saída. 

A directiva recoñece a falta de formación dos operadores xudiciais e as limitacións da denuncia como chave para activar a intervención

Neste senso a directiva abrangue esta cuestión desde dúas perspectivas. Dunha banda, através de reflexións xerais nas que se salienta o efecto negativo de que as actuacións administrativas se activen contando como chave a denuncia pois moitas mulleres non o fan por múltiples e diversas razóns que foron recollidas na Macroenquisa sobre violencia de xénero publicada polo Ministerio espñol de Sanidade.

Neste senso, o BNG vén reclamando a modificación lexislativa para a incorporación do Estatuto de Vítima de Feminicidio que, entre outras cuestións posibilitaría a intervención mesmo sen existir denuncia xudicial. 

Aliás, nas súas consideracións previas a directiva critica a falta de formación das persoas que operan xuridicamente (funcionariado, xudicatura, fiscalía, avogacía, procuraduría...). Nunha reportaxe publicada recentemente en Sermos Galiza o integrante do SUP e especialista en violencia machista, Alejandro Gómez, denunciaba o feito de que @s axentes especializad@s nesta materia e pertencentes á policía española contan cunha formación de "cinco mañás en Madrid", unicamente. 

A norma, que entrou en vigor no Estado español en outubro, desprega unha serie de dereitos que poderán ser invocados ao longo do proceso xudicial


Catálogo de dereitos

Doutra banda, a norma desprega un catálogo de dereitos específicos entre os que se atopa o dereito á información ao longo de todo o proceso tanto das posibilidades xudiciais que se abren como das axudas coas que conta durante o mesmo. 

Así mesmo, recoñécese o dereito da muller á súa vida e o deber das autoridades de a protexer a ela e á súa familia e poderá invocar o dereito a ser tratada por profesionais con formación específica que evite unha vitimización secundaria. Dereito a prestar declaración coa maior celeridade e o menor número de veces posíbel, a avaliación individualizada do seu risco e o conseguinte deseño personalizado dos plans de protección. 

Asemade, recoñécese o dereito a protección durante o proceso xudicial evitando o contacto, mesmo visual, co seu agresor, entre outras cuestións.