A dirección da Radio Galega comeza coa eliminación da información local

Concentración de persoal da CRTVG. Imaxe: CIG

Coa chegada do verán desaparecen todas as desconexións das delegacións da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. O persoal continúa coas mobilizacións.

A dirección da Radio Galega non agarda ao comezo da nova programación de setembro para eliminar os informativos locais e coa chegada do verán desaparecen todas as desconexións das delegacións da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. É a denuncia que se fai desde a sección sindical da CIG na CRTVG. Esta quinta feira, volveu haber actos de protesto do persoal da radio pública galega contra esa medida e tamén contra o desmantelamento do formato histórico do Diario Cultural. Para alén das concentracións, os e a straballadoras tamén están a recoller sinaturas.

Segundo explican dende a sección sindical da CIG na CRTVG, até o de agora durante o período estival suprimíase temporalmente o informativo local do mediodía para facilitar que o persoal das delegacións gozara das súas vacacións. Este ano desaparece ese espazo e tamén o informativo matinal que se emite ás 7:50 horas. Polo tanto, explica ese sindicato, o papel das delegacións limitarase a participar en roldas para falar do tempo e do tráfico. Unicamente se vai facer un informativo 'caixón de xastre' ás 13:45 horas, onde cada delegación terá que resumir en tres minutos a actualidade da súa comarca para todos os oíntes de Galiza. Ademais, prosegue denunciando a central sindical, resérvase un espazo de 15 minutos no programa ‘Galicia por Diante’ para que, cada día da semana, se aborde un tema local. Mais non será de actualidade porque, afirman, segundo advertiron os responsábeis de informativos da radio, o asunto a tratar terá que ser pactado coa coordinadora con polo menos “unha semana de antelación”.

 

O persoal considera que con estes pasos a dirección o que procura é centralizar as decisións para exercer un maior control dos contidos, renunciar á audiencia que busca información de proximidade e abandonar a actualidade.