Denuncia a CIG

A Dirección da CRTVG censurou emitir a noticia, xa elaborada, do premio José Couso a Defende A Galega

"Unha vez coñecida a decisión do xurado, e aínda que a información xa estaba elaborada, a dirección deu orde de non emitila", afirma o sindicato nacionalista

A sección sindical da CIG denuncia que desde a dirección da CRTVG se censurou a noticia de que Defende A Galega foron os gañadores do premio José Couso de Liberdade de Prensa. Malia que a Radio Galega, afirman, ofrecese nos primeiros boletíns informativos da mañá do sábado información sobre a previsión de que se daría a coñecer o resultado do premio, unha vez que se coñeceu quen eran os gañadores optouse por non informar

 

“De xeito incomprensíbel e aínda que a información estaba xa elaborada, a dirección deu orde de non emitila e de non tratar o tema en ningún dos seguintes informativos”, afirma a CIG

 

O sindicato afirma que se trata dun “intolerábel” caso de censura informativa que reforza os argumentos de #DefendeAGalega para continuar coas mobilizacións dos #VenresNegros.

 

A sección sindical da CIG no ente público felicita o colectivo por un galardón que recoñece a súa loita.