Dimiten os membros da CIG do comité intercentros de La Voz

Tomaron a decisión por estaren en desacordo coa desconvocatoria da manifestación inicialmente prevista para o pasado domingo

A principios de semana houbo unha xuntanza do Comité Intercentros de la Voz de Galicia convocada polos delegados que decidiron suspender a manifestación do domingo.

Dita xuntanza contaba, en principio, cun único punto da orde dia, segundo sinalan desde a CIG: "preparar unha reunión coa empresa". Aceptouse, porén, a suxestión dos membros da central nacionalista, abordar tamén as razóns que levaron á desconvocatoria da manifestación deste domingo, así como a renuncia dos membros da CIG e a elección dunha nova dirección.

Na reunión, afirman desde a CIG, estaban presentes 2 delegados de UXT, os 3 de CCOO, 1 do Sindicato de Xornalistas e 4 da CIG (1 delegado de UGT, 1 do SX e 1 da CIG non puideron asistir).

Na votación na que se procedeu a validar a decisión da sexta feira 5 de Xullo (en virtude da cal de desconvocou a manifestación), “dous membros de CCOO, os dous de UGT e o do SX votaron a favor, mentres que os 4 da CIG que estaban presentes votaron en contra e 1 delegado de CCOO (o novo presidente) abstívose”. Total, 5 votos a favor, 4 en contra e 1 abstención, “quedando polo tanto validada en pleno a decisión tomada”, afirman desde a CIG

Dimisión irrevogábel

Segundo a sección sindical da central nacionalista, os seus delegados, “ante o cambio de rumbo radical que tomou o comité nos seus postulados, e ao non poder asumir como propia unha estratexia imposta a través de chamadas telefónicas, non debatida no pleno do comité, e non validada pola asemblea, decidiron presentar a dimisión irrevocábel dos seus cargos”.

A CIG só mantén, polo tanto, a dirección do Comité de Centro de Sabón, onde conta con 6 delegados por dous do SX e un de CCOO.