Dimiten o presidente de Renfe e a secretaria de Estado pola polémica dos trens en Cantabria

O ex presidente de Renfe, Isaías Táboas (Foto: Lorena Sopena / Europa Press).
As dimisións veñen dadas pola polémica xerada polos trens que non podían pasar polos túneles en Cantabria.

O presidente de Renfe, Isaías Táboas, e a secretaria de Estado de Transportes, a luguesa Isabel Pardo de Vera, presentaron a súa dimisión á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, quen as aceptará, segundo fontes próximas ao Ministerio.

As dimisións veñen dadas pola polémica xerada polos trens que non podían pasar polos túneles en Cantabria.

Estes ferrocarrís foran encargados en 2020 e as súas medidas non eran compatíbeis coas dos túneles que se encontran nas liñas de Asturies e Cantabria.

Exixían cesamentos

O Parlamento de Cantabria aprobara unha proposición non de lei, presentada polo Partido Rexionalista Cántabro (PRC), na cal instaba o Goberno da Comunidade (PRC-PSOE) a exixir cesamentos ao Executivo español polo incumprimento dos prazos de construción e entrega dos novos trens de proximidade.

A titular do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, xa anunciara a principios deste mes de febreiro "cesamentos inminentes" e asegurou que o novo modelo de tren estaría deseñado no verán, para empezar a fabricalo "inmediatamente".

A fabricación da nova frota de ancho métrico para Renfe sufrirá un atraso de entre dous e tres anos debido a un erro na infraestrutura sobre a cal se ían a construír os trens.