Dimite o xefe de xinecoloxía do CHUS após acusar a xerencia de "actitudes ditatoriais"

Hospital comarcal do Barbanza (Foto: Sergas).
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CEMS) denunciou publicamente esta quinta feira a xerencia do hospital de Santiago.

O xefe de xinecoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Manuel Macía, presentou a súa dimisión despois de que a xerencia "continúe impondo a xinecólogos do Clínico a realización de gardas no Barbanza durante anos".

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CEMS) denunciou publicamente esta quinta feira "actitudes ditatoriais" por parte da xerencia do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) "por impor a xinecólogos do Clínico a realización de gardas durante anos" no hospital do Barbanza.

Segundo explicou a CESM nun comunicado, "no seu día" os xinecólogos de Santiago comprometéronse coa xerencia a realizar de forma temporal un determinado número de gardas no Hospital Comarcal, pero que "esa temporalidade se estendeu no tempo".

"Inaceptábel"

Nesta liña, definiu a situación deste servizo como "inaceptábel" e asegurou que "o mando, saltando os cargos intermedios, é unha práctica habitual".

Así mesmo, sinalou que a situación levou o Xefe do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUS, o Dr. Manuel Macía, a presentar a súa dimisión, "a pesar de que todos os facultativos e médicos residentes da Unidade lle mostraran o seu respaldo e apoio explícito".

Contratos estábeis, unha "necesidade"

Deste modo, reclamou que, para garantir o correcto funcionamento do Servizo de Xinecoloxía do Hospital do Barbanza, é necesario "un persoal de polo menos sete facultativos con contratos estábeis".