Dimite o xefe do servizo de Medicina Interna do CHUS pola sobrecarga asistencial

Hospital clínico de Santiago. (Foto: Europa Press)
Antonio Pose manifestou o seu desexo de deixar o cargo nunha reunión á que asistiu a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez.

Antonio Pose, até o de agora xefe do servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), presentou esta cuarta feira a súa dimisión ante a Xerencia da área sanitaria, segundo confirmou el mesmo a Europa Press.

En concreto, Pose manifestou o seu desexo de deixar o cargo nunha reunión á que asistiu a xerente da área, Eloína Núñez. De acordo con fontes dos presentes neste encontro consultadas por Europa Press, Pose chegou a ler diante de todos eles unha carta na que presentaba a súa renuncia.

Tal e como explican as mesmas fontes, tratouse dunha reunión "tensa por momentos" e, ao concluír, o xefe do servizo fixo lectura deste documento e manifestou que "levaba xa tempo pensando" en dimitir dada a sobrecarga que sofre o seu departamento.

Na súa intervención, Pose falou do "tensionada" que está a sanidade pública e pediu un reforzo de recursos humanos, á vez que mostrou o "orgulloso" que se sentía de pertencer ao servizo de Medicina Interna e dos proxectos impulsados baixo a súa xefatura. Con todo, presentou a súa dimisión "por coherencia".

Comesaña di que é unha "xubilación"

Esta dimisión deuse a coñecer durante o pleno do Parlamento galego desta cuarta feira, despois de que o deputado do PSdeG Julio Torrado a desvelase durante unha interpelación ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Na súa resposta, o conselleiro de Sanidade afirmou que o que lle trasladaron a el era que Pose "se xubilaba".

Fontes consultadas por Europa Press desmentiron rotundamente esta afirmación, para detallar despois que "el dimitiu, independentemente de que se estivese a piques de xubilar".

Segundo estas fontes, era unha dimisión que "xa se vía vir", dado que Pose ameazara con facelo varias veces con anterioridade porque xa había "conflitos" e non sentía o "respaldo" da Xerencia.

Segunda dimisión en Medicina Interna

Esta dimisión prodúcese despois de que en maio fixese o mesmo a súa homóloga no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Amalia Cadavid.

Ademais, ocorre nun contexto no que sindicatos, plataformas, colexios médicos e outros representantes do sector coinciden en sinalar a sobrecarga non só do servizo de Medicina Interna, senón tamén da Atención Primaria.