Efectos do inicio dun curso marcado polo coronavirus

Dimite a directiva dun instituto de Redondela debido á falta de atención da Xunta

Imaxe de arquivo dos traballos de limpeza nun instituto. (Foto: Europa Press)
O equipo do IES Illa de San Simón pedira ampliar o persoal de limpeza para garantir a seguridade da comunidade educativa, mais non obtivo resposta do Goberno de Feixoo. Non é a primeira dimisión polas circunstancias nas que comeza o curso escolar: hai semanas xa abandonaron os seus cargos os membros da directiva do IES Plurilingüe Adormideras, na Coruña.

A directiva do Instituto Illa de San Simón, situado no concello de Redondela, amosou o seu malestar coas condicións impostas pola Xunta e a Consellaría de Educación para o inicio do curso na Educación Secundaria presentando a súa dimisión. 

A decisión, que trascendeu onte, está vinculada á falta de atención por parte do Executivo de Feixoo ás súas peticións para ampliar o persoal de limpeza. O que se pretendía con iso era reforzar a desinfección e hixienización polo coronavirus.

O escrito, que foi entregado na xefatura territorial de Educación de Pontevedra, defende o traballo de preparación realizado desde xuño para poder volver ás aulas en condicións de seguridade.

A xa ex directiva especifica que presentou solicitudes xustificadas para poder contar un reforzo de persoal de limpeza xunto con medicións realizadas pola unidade técnica.

O IES conta até o de agora cun traballador a xornada completa e outra a media xornada e unha superficie de entre 2.900 e 3.000 metros cadrados repartidos en catro edificios.

No documento subliñan que, se os medios son os mesmos, esta operaria tería que asumir as tarefas nunhas 3,5 horas, cubrindo todos os cambios de clase. O compañeiro tería que encargarse de "20 aulas, a aula Covid-19, un pavillón de 700 metros cadrados, biblioteca, sala de profesores, 11 aseos, 16 despachos, corredores e vestíbulo".

O equipo directivo dimitou porque "non está disposto a asumir a responsabilidade" de abrir as portas dun espazo "que non cumpriría coas condicións de hixiene básicas impostas" pola propia Xunta. Ante a falta de resposta desta, concretouse a marcha dos cargos.

Malestar xeneralizado

Non é a primeira resposta deste tipo ás prácticas da Consellaría de Educación. Hai algunhas semanas, cando oito institutos composteláns negáronse a comezar o curso na data prevista e se uniron outros IES de Pontevedra e A Coruña (e a presión adiou o inicio uns días), o cambio de criterios no protocolo e o "menosprezo á comunidade educativa" fixo abandonar á directiva do IES Plurilingüe Adormideras.

Tamén no CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove tamén presentaran a súa dimisión polas condicións do centro, en obras para abrir o curso en infantil e primaria e cunhas clases que non están adaptadas para soportar a pandemia nas mellores condicións.