Despois de que Sanidade non aceptase a renuncia

Dimisión “irrevogábel” de 23 das 25 xefaturas de servizo da área sanitaria de Vigo

[Imaxe: Cedida] Xefas e xefes de servizo de Vigo

Após o Sergas non aceptase a dimisión da práctica totalidade das xefaturas de servizo e unidade da área sanitaria de Vigo, as persoas responsábeis dos centros de saúde volven renunciar. E fano, din, de maneira “irrevogábel”.

Dada a “precariedade” e o “abandono” ao que, ao seu ver, a Consellaría de Sanidade condena a atención primaria, as xefas e xefes de servizo da área sanitaria de Vigo volven dimitir. Fano por segunda vez logo de que a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) non aceptase a renuncia presentada en decembro ao argumentar que a súa participación era necesaria.

 

A decisión destes cargos de libre designación chega logo dunha reunión que mantiveron esta terza feira, onde se advertiu de que a situación que sofre a atención primaria reverte “negativamente” na atención ás e aos pacientes.

 

Un dos portavoces dos xefes de servizo advertiu en rolda de imprensa após a reunión que o Sergas insinuase que a dimisión tiña relación con “intereses políticos”. O colectivo, que a semana pasada se reuniu co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lamenta que os grupos de traballo creados polo Sergas para buscar solucións “dilatan” a toma de decisións e advirte de que é necesario un proxecto de oferta pública de emprego a longo prazo para evitar a sobrecarga asistencial da atención primaria.

 

Ademais de denunciar as “xornadas maratonianas” derivadas da carga de traballo, as xefas e xefes de servizo advirten da dificultade de exercer o labor docente de maneira axeitada cos Médicos Internos Residentes (MIR). Tamén denuncian o contrato eventual, pois “non contempla o obrigatorio descanso após unha garda” e supón que o “40% do traballo non estea programado”.

 

O novo modelo de atención primaria, advirten as xefas e xefes de servizo nun comunicado enviado aos medios, é “unha declaración de intencións para paliar o actual deterioramento” do sistema sanitario, mais non contempla medidas como o orzamento blindado para a atención primaria nin un organigrama no que o persoal “estea baixo o paraugas da dirección”.