Análise

As dimensións da soidade e os efectos sobre a saúde

Diversos estudos relacionan o illamento social e a soidade co aumento do risco de mortalidade precoz, enfermidades cardiovasculares, demencias, depresión e suicidio. (Ilustración: Álex Rozados)
A psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro Landín analiza para 'Nós Diario' os efectos da soidade sobre a saúde.

A soidade non desexada é un asunto estudado desde longo tempo por moitos teóricos sociais. No contexto más recente, a pandemia expuxo unha vez máis as febles costuras do sistema, amosando con toda crueza o que significa o illamento social e o confinamento en soidade. Do que pode significar morrer só/a ou vivir rodeado/a de persoas e non poder decidir sobre aspectos tan fundamentais como con quen vincularse. 

A soidade ten unha evidente dimensión individual. Síntea unha persoa concreta, de xeito transitorio ou continuado no tempo. Robert Weiss diferencia entre a soidade emocional (cando a persoa sente a falta de vínculos relacionais próximos, íntimos e significativos; sentirse soa a pesar de estar rodeada de xente) e a soidade social (falta ou insuficiencia de redes sociais, de sentirse fóra de grupos de relación cos que compartir intereses e sentimentos de pertenza).

Tamén ten unha clara dimensión subxectiva. Jong Gierveld destaca a soidade como unha sensación desagradable resultado da discrepancia entre o contacto social desexado e o que se ten realmente. Esta valoración negativa permite distinguir a soidade non desexada de circunstancias obxectivas como son o illamento social (ausencia de relacións interpersoais duradeiras) ou a experiencia de vivir só/a. Non son conceptos equivalentes nin necesariamente relacionados, aínda que poidan ter un peso importante na experiencia de soidade. Neste sentido, o número de persoas que viven soas está crecendo nos últimos anos. En Galicia, 1 de cada 4 fogares son unipersoais, dos que case a metade dos casos son persoas maiores de 65 anos, sobre todo mulleres.

Levan anos anunciando a inminente elaboración da Estratexia galega de atención á soidade non desexada, sen que por agora vise a luz

O carácter subxectivo da experiencia enlaza coa dimensión sociocultural da soidade. As sociedades individualistas, que salientan o éxito persoal, a competitividade e as relacións máis superficiais, teñen niveis máis altos de illamento social e soidade. En principio, as sociedades colectivistas teñen un potencial protector fronte á soidade, pero tamén maior nivel de esixencia en canto á intensidade e profundidade dos vínculos socio-emocionais, o que pode levar a unha percepción de alta discrepancia entre o ideal e o real. A isto hai que engadirlle a sociedade dixitalizada, onde a hiperconexión virtual non se está traducindo en máis e mellores vínculos, un maior sentido de pertenza e menor sentimento de soidade. 

Por iso, e contra o que se soe pensar, a soidade non está afectando só ou case exclusivamente ás persoas de idade avanzada. De feito, un estudio realizado por Cruz Vermella de Cataluña en 2022 destaca que do grupo de idade entre 18 e 29 anos, só un 20% informaba de non estar sós/as, e no outro extremo, un 22% describía un nivel de soidade severa ou moi severa. 

A soidade, como dicimos, afecta a todas as idades. Pero non afecta a todos os colectivos por igual. E iso lévanos á súa dimensión política. Melania Moscoso e Txetxu Ausín, no seu libro Soidades. Unha cartografía para o noso tempo, destacan que a soidade depende de estruturas e relacións sociais, políticas e económicas que soen estar fóra do control dos individuos a quen lles afectan, e convértese nun factor de risco de exclusión social.

A soidade afecta en maior proporción a mulleres de idade avanzada (dedicadas aos coidados, illadas no espazo privado, sen apenas redes fóra da familia), a persoas en situación de precariedade económica e laboral, a persoas con condicións de saúde adversas e discapacidade ou a persoas en condicións de dificultade de acceso a vivenda, educación, sanidade e ou servizos sociais.

A soidade, por último, ten unha dimensión de saúde pública. Diversos estudos, tal como recolle o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades estadounidense, relacionan o illamento social e a soidade co aumento do risco de mortalidade precoz por todas as causas, e aumento do risco de enfermidades cardiovasculares, demencias, depresión, ansiedade e suicidio. 

A complexidade da soidade non desexada é tal que países como Reino Unido ou Xapón elevárona a asunto de Estado, creando Ministerios da Soidade. En Galicia, levan anos anunciando a inminente elaboración da Estratexia galega de atención á soidade non desexada, sen que por agora vise a luz.

Requírese unha intervención que incida directamente nos determinantes estruturais e coa necesaria coordinación intersectorial. A nivel sanitario, os centros de saúde son os espazos privilexiados para detectar e atender as persoas en situación de soidade e previr a cronicidade. Unha razón máis para frear o desmantelamento da sandade pública.