Doce focos simultáneos até o casco urbano de Verín: "Quen provocou o incendio quixo causar o maior dano posíbel"

Aspecto do incendio de Verín esta madrugada. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O tenente de alcalde verinés, Diego Lourenzo, expón a 'Nós Diario' a última hora da evolución do fogo que axexa a localidade.

"Fixérono para causar o maior dano posíbel". Con esta rotunidade explica a Nós Diario o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, como as primeiras pesquisas apuntan a unha clara intencionalidade no incendio que arrasou 600 hectáreas na localidade desde as 15 horas desta cuarta feira.

Até doce focos foron prendidos "nunha liña de dez a quince quilómetros de lonxitude" e nun momento no que as elevadas temperaturas e os refachos de vento contribuíron a espallar as chamas, precisa Lourenzo.

"O fogo empezou en Cabreiroá, e cando o estaban apagando os servizos de extinción xurdiu outro foco en San Antón, moi perto do casco urbano da cidade e de moitas vivendas, o que demostra que quixeron facer o maior dano posíbel", lamenta.

Avanzada a tarde comezaron a chegar novas alertas desde lugares como Caldeliñas ou Vilamaior, con "varios focos ao mesmo tempo", o que dificultou enormemente os labores de contención do lume. "Chegamos a ter doce focos simultáneos", dixo.

"Afortunadamente houbo unha boa coordinación e tivemos moitos medios dispoñíbeis porque Verín era unha prioridade debido á proximidade ás vivendas", sinala.

Após unha dura noite que mantivo en vilo a veciñanza verinesa, a situación actual é de prudencia porque o fogo segue activo mais tamén de "certa tranquilidade", sostén Lourenzo, que explica que chegada a medianoite os efectivos dispostos sobre o terreo "lograron comezar a controlar as chamas".

O incendio ameazou as instalacións de Cabreiroá Augas de Sousas, esta última con danos materiais, mais o tenente de alcalde prefire agardar a dispor de "todos os datos" para facer un balance dos danos ocasionados no municipio.