Patrimonio galego: masificación ou abandono

Pintada na fachada de Praterías.

Quer por un consumo turístico desmedido, quer polo total desleixo, o modelo actual na xestión do acervo do país provoca a desprotección dos bens colectivos

Na mañá da pasada segunda feira, a fachada de Praterías da catedral de Santiago amenceu cun toque de cor. Durante a noite, unha persoa –de identidade aínda descoñecida– botou man dun rotulador azul e pintou na cara dunha das figuras apostólicas de mármore que gardan o marco da entrada ao templo. A nova caracterización inspirábase na estética do grupo estadounidense de hard rock Kiss. Representantes públicos, medios de comunicación e veciñanza non tardaron en partillar impresións sobre este engado ao conxunto monumental. “Isto é unha auténtica barrabasada”, sentenciaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

 

Por mor da restauración no Pórtico da Gloria, as instalacións aínda contan co material necesario para eliminar a pintada coa técnica de raio láser. Aínda que non haxa que lamentar danos irreversíbeis, o acto vandálico pon sobre a mesa o debate sobre a protección do patrimonio galego. Que criterios se usan para xestionar o noso acervo?

 

David Rodríguez, autor do ensaio O canastro sen tornarratos, afirma que “o conservadorismo actual de monumentos está destinado, sobre todo, á industria do turismo de masas”. Segundo o escritor, a Catedral perdeu o seu valor de uso en prol de manter simplemente o seu valor de cambio como ben turístico. Os intereses económicos son, neste campo, o principio que rexe as políticas de xestión do patrimonio. Así, o propio Pórtico da Gloria –inaugurado hai poucas semanas– foi restaurado durante dez anos grazas a un orzamento de até 6,2 millóns de euros.

 

Contraposto á primeira idea de turistas que topaban con ruínas –viaxeiros románticos na procura do exótico– está o perfil actual, Rodríguez ve no turista de hoxe un consumidor que visita lugares “pulcramente restaurados” por unhas “administracións públicas que invisten masivamente no mantemento dos monumentos máis senlleiros ou pintorescos”.

 

“Parece que o único patrimonio no se focalizan as Administracións é aquel que supón unha rendibilidade económica, isto está a pasar na maioría dos lugares onde se está a masificar o turismo como en Santiago coa catedral e o Camiño, ou noutros sitios como a praia das Catedrais”, critica Rebeca Blanco-Rotea, investigadora da USC e coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. O relato oficial marca claramente que patrimonio merece unha protección e un investimento. “Castros, mámoas, os petroglifos e elementos máis singulares como a Catedral ou os camiños de Santiago”, enumera Blanco-Rotea.

 

O lado escuro do patrimonio

 

Fóra deste discurso turístico, o resto do noso acervo cae na sombra e no abandono. Numeroso patrimonio arqueolóxico é soterrado e destruído polos ciclos produtivos alleos á lóxica de conservación. “Os grandes destrutores do patrimonio arqueolóxico neste país son os eucaliptos”, sentencia Manuel Miranda, presidente da asociación Mariña Patrimonio.

 

A explotación forestal e as canteiras son un grande motor que pasa por riba da herdanza que xace no territorio. “Os eucaliptos e as canteiras moven moito diñeiro, e a Administración está ao servizo deses intereses económicos de empresas como ENCE e non fai absolutamente nada”, explica Miranda. Alén de priorizar o lucro por riba da conservación da nosa historia, o presidente da entidade tamén ve que moitos dos atentados contra o patrimonio son debidos a unha falta de concienciación e “por auténticas chorradas”.

 

A habilitación dun estacionamento de autocaravanas nun castro en Barreiros, o soterramento dunha calzada do século XVI, a destrución do castro de Punta de Muros para construír o porto exterior da Coruña, os estragos no monte da Frouxeira para facer pasar unha pista forestal por riba, o derrubamento da escaleira neobarroca da estación de comboios compostelán… Todas elas son desfeitas públicas que van, unha tras outra, mermando o patrimonio galego sen máis xustificación que o descoido ou a total omisión do valor destes elementos.

 

Defensa desde a base

 

Fronte á neglixencia pública, a sociedade galega tece fortes iniciativas civís voluntarias que se mobiliza para protexer este patrimonio. É o caso da Mariña Patrimonio, do Sorriso de Daniel, da asociación sociocultural Lareira que pula pola protección dos frescos renacentistas da igrexa de San Vicenzo dos Vilares– ou da Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei. “Son entidades que están a facer unha labor fantástica non só por recuperar o patrimonio senón por dalo a coñecer e poñelo en valor nas comunidades locais”, recoñece Rebeca Blanco-Rotea.

 

Miranda, pola súa banda, é conservador a respecto do papel do tecido asociativo. “Na Galiza temos un movemento social moi activo no tema do patrimonio, e estamos dificultándolle á Xunta esta destrución, apresentando denuncia, mais somos voluntarios e chegamos onde chegamos”, advirte.

 

Tomando estas palabras, a investigadora do Consello da Cultura Galega incide na importancia de “aproveitar esa forza que se está a facer desde a base para traballar de maneira conxunta, porque cos orzamentos que temos agora en materia de patrimonio e de cultura, hoxe en día é imposíbel chegar a todo”. A procura doutros modelos de xestión do patrimonio, “onde se traballe coa xente, coas comunidades locais e desde a base” parece ser unha vía conciliadora que integre todo o patrimonio.

 

Reflexionar e cuestionarmos temas ligados a un turismo sostíbel, ou como este afecta o patrimonio, alén dun proxecto educativo que alicerce a consciencia patrimonial "e faga que a xente teña un apego polo patrimonio como herdanza e como símbolo identitario”. Eis as dúas chaves para ultrapasar un debate que afonda os pés na nosa historia e fixa a ollada no futuro.