43 Festa do Queixo

Tres días para 'queixear' sen fin en Arzúa

Do 2 ao 4 de marzo a vila arzuá acollerá os mellores queixos no recinto feiral ao tempo que terán lugar múltiples e diferentes actividades, obradoiros, concursos... Todo rematado con dous días de festival de balde cun cartel que abrangue desde Sidonie a Son de Seu, pasando por Ilegales ou Rosa Cedrón, entre outros.

O 2,3 e 4 de marzo non hai desculpa para non ir a “queixear” a Arzúa, que celebra a 43 edición dunha festa que se converteu ao longo dos anos en cita imprescindíbel para miles de galegos. Un privilexio que se labrou aos poucos desde a súa primeira edición, en 1976, e que fai que hoxe sexa un refrente mesmo alén das nosas fronteiras.

 

Van ser tres días nos que na vila poderase atopar todo o relacionado co queixo mais non só iso, hai un completo programa de actividades para que públicos de todas as idades podan gozar da festa: concursos, catas, obradoiros, pequefestival, exposicións, e o coñecido festival de música. Con razón o alcalde de Arzúa, José Luis García, afirmou esta quinta feira na presentación da Festa do Queixo que “o que proba, repite". Destacou a colaboración coa EFA Piñeiral, o consello regulador da DOP Arzua-Ulloa. Sinalou que Arzúa inviste moitos recursos no evento, máis que ningún outro concello en promocionar o queixo, e que mesmo así recibe menos apoios institucionais que outros eventos de menor relevancia e repercusión. A festa é un inmenso motor económico para a vila e a comarca, resaltou.

 

Calidade

 

O recinto feiral estará cheo con 70 expositores, entre eles 52 queixerías. Como explicou o concelleiro de Cultura, Miguel Vallo, haberá varias queixerías novas de todas partes do Estado e varios premios World Cheese Awards, queixerías PLTs tradicionais todas co obrigatorio rexistro sanitario, e a variedade de locais de alimentación especializada, de Galiza e de fóra, con doce de algas, crema de mirabeis, pimentón de La Vera ou moitos máis produtos gourmet. Tamén está garantida a presenza dos concellos veciños como Boimorto e Melide, este a través da asociación Melide Terra Doce.

 

O concurso de tapas e petiscos, nos que se involucran máis dunha vintena de locais, vai ser outra das propostas das que gozar durante eses días en Arzúa. Un programa que contempla tamén outras moitas actividades algunas das cales veñen desenvolvéndose desde semanas antes.

 

Música, outra das protagonistas

 

O sábado, día 3, ás 12:00 horas terá lugar a inauguración oficial. O pregón vai correr a cargo de Toñito de Poi, músico e artista cun longo currículo no que sobrancean os Heredeiros da Cruz. Ao remate do pregón terá lugar a inauguración do busto en bronce de Ana Kiro, obra de Camilo Seira, no parque a carón do campo da feira. Kiro, auténtica lenda da música popular galega, naceu na aldeá arzuá da Castañeda.

 

Ese mesmo día, ás 21:30 horas, vai ter lugar a actuación de No Crafts, gañadores da Xa edición do Queixo Maquetón, concurso no que participaron ducias de bandas. Será a pistolada de saída para os concertos da Festa do Queixo, toda unha referencia.

 

O sábado, ademais de No Crafts, será a quenda de Ilegales –mitos vivintes do rock español- e Sidonie, pondo o ramo á noite o DJ David Van Bilen & Juan Reich. O domingo haberá sesión vermú pola Banda de Música de Arzúa e, xa pola tarde, os concertos de Rosa Cedrón e Son de Seu.