Cinco días para organizar a volta ás aulas

Os centros deberán abastecerse do material de prevención que non entregue a Xunta. (Europa Press)
Coa vista posta no vindeiro día 25, a Consellaría de Educación convoca para hoxe a mesa sectorial co fin de negociar as condicións de volta ao ensino presencial en segundo de Bacharelato e en ciclos de FP, un retorno que para os sindicatos farase sen unha previsión nin unha organización que garanta as condicións de seguridade sanitaria que este momento require.

Coa previsión de que o vindeiro día 25 Galiza poida entrar na segunda fase do proceso de rebaixa das restricións vinculadas ao estado de alarma, que abre a porta á recuperación do ensino presencial, a Consellaría de Educación convocou para hoxe unha mesa sectorial de ensino na que definir a reapertura dos centros para o alumnado de segundo de Bacharelato e dos ciclos superior e medio de Formación Profesional (FP), que son os que desde ese día poderán volver ás aulas de forma voluntaria, segundo estipulou a propia Xunta.

A proposta, cuxa implantación está prevista para dentro de cinco días, mais que aínda ten que ser debatida e consensuada, bate, de partida, coa oposición de toda a representación do persoal, que rexeita en bloque a recuperación da presencialidade, nestes ou noutros niveis educativos, ao non considerar garantidas as medidas sanitarias e de prevención que se requiren para a reapertura dos centros de ensino.

O borrador da instrución, trasladado aos sindicatos con menos de 48 horas de anticipación, estabelece a presencialidade do profesorado de segundo de Bacharelato para impartir as clases presenciais "no seu horario habitual, sen prexuízo das adaptacións que sexan necesarias para o mellor cumprimento das medidas de protección", mentres que para o de FP estipula un horario para a atención presencial do alumnado que non accedeu ás prácticas.

En ambos os casos, a proposta de instrución prevé que a actividade presencial "poderá ser retransmitida por medios telemáticos" para o alumnado que non acode ao centro e pauta que nesa difusión se "vele" por que non sexa posíbel identificar o alumnado na aula "mediante a axeitada colocación da cámara".

En canto ao profesorado do resto de etapas, o borrador contempla que poida manter a docencia telemática, con atención ao alumnado desde o domicilio do profesorado ou desde o centro educativo, se ben recolle que os equipos directivos "poderán requirir o retorno presencial daquel profesorado preciso para atender as necesidades do centro educativo", e o mesmo para actividades de avaliación, reunións, sinaturas de actas e outras acccións de carácter académico ou administrativo.

Falta de organización

Desde a CIG-Ensino veñen adiantando a súa posición, contraria á reincorporación, tanto  de profesorado como de persoal non docente ou de alumnado "sen un protocolo que dote de claras garantías sanitarias e organizativas de atención ao alumnado que poida ir ao centro e ao que fique nas casas". O sindicato reclama que os centros poidan ter tempo para organizarse, coñecenedo con antelación o número de estudantes que se acollerán á volta voluntaria e a distribución do profesorado, tendo en conta os posíbeis desdobres e as maiores necesidades que exixe a docencia presencial e telemática.

No mesmo sentido, desde UXT ven "inviábel" organizar o profesorado e o alumnado nestes poucos días e censuran que a Administración "delegue funcións que son da Consellaría nos equipos directivos", deixando cuestións relevantes como a presencialidade do persoal  "á súa discrecionalidade" .

"Con estas medidas nin se está protexendo o alumnado nin o profesorado", critica a súa secretaria de ensino, Paula Carreiro, que cuestiona tamén a viabilidade de artellar as gravacións das aulas, dotar dos equipos e garantir o dereito á intimidade, tamén do profesorado.

Desde CCOO, a secretaria xeral de ensino, Luz López, incide na necesidade de realizar unha avaliación dos postos de traballo e dos propios centros, e a partir dela uns protocolos como requisito previo á recuperación da presencialidade. "Ao non facelo, a Consellaría está vulnerando a lei de prevención de riscos laborais", advirte, e apunta a unha "falta de previsión" da Xunta, "que pretende abrir sen saber nin canto alumnado se espera nin canto persoal pode estar nun grupo de risco". Desde ANPE tamén exixen "protocolos máis claros, precisos, rigorosos e de obrigado cumprimento" antes de volver aos centros. O sindicato cualifica o borrador de "inconcreto" e "abusivo, por atribuír responsabilidades que exceden as competencias dos equipos directivos", aos que se lles encomendan as medidas organizativas e de control do cumprimento dos protocolos sanitarios e de prevención. 

Medidas de prevención

A dotación e xestión do material de prevención, e a ausencia dunha delimitación dos permisos ou exencións dos que poida facer uso o persoal por motivos de conciliación ou por risco para a súa saúde son outras das cuestións que enfrontan os sindicatos coa proposta de Educación.

O borrador apunta, en relación ao material, que a Xunta realizará un "aprovisionamento axeitado" de elementos de sinalización e máscaras, mais delega nos centros "arbitrar un mecanismo de distribución" e "suplir o aprovisionamento de equipos de protección que non sexan centralizados pola consellaría". O texto alude, en concreto, ao xel hidroalcólico e aos seus dispensadores, panos desbotábeis, materiais de limpeza e desinfección, luvas, papeleiras de pedal, impresión de carteleria "e, cando resulten insuficientes, máscaras de protección".

A proposta de orde da Xunta deixa tamén na secretaría dos centros educativos a distribución e organización do material de prevención, a súa contabilización e inventario separado e a certificación dos consumos e gastos producidos.

En canto ao persoal que forme parte de grupos de risco ou vulnerábel á COVID-19, o protocolo a debate sinala que o servizo de prevención de riscos laborais "deberá avaliar a súa existencia e emitir un informe sobre as medidas de prevención, adaptación do posto e protección necesarias"

Europa desprega outras opcións 

As fórmulas de volta ás aulas en Europa, pasadas as semanas máis duras de confinamento, difiren segundo o lugar ao que se mire. No veciño Portugal, o alumnado dos dous últimos cursos da educación secundaria (11º e 12º) e o seu equivalente en ciclos profesionais retornou esta semana aos centros, dentro das estipulacións da segunda fase do seu proceso de recuperación da normalidade. Fíxoo con medidas de protección especiais e cambios nos horarios, ademais doutras accións para garantir o distanciamento como marcas no chan para a separación dos pupitres, e co uso de máscara como medida obrigada.

Tamén esta pasada segunda feira reabriron as escolas infantís lusas, se ben durante as próximas semanas as familias poderán optar por manter as menores na casa coa posibilidade de acceder a axudas á conciliación. Como medida previa á súa apertura, o groso do persoal das gardarías  foi sometido a probas diagnósticas do coronavirus. Tamén en previsión do regreso do estudantado aos centros de ensino, o Goberno repartiu neles máscaras, xel desinfectante e outros materiais preventivos.

Agás para estes dous grupos de idade, o curso presencial non volverá en Portugal até setembro, e as últimas semanas deste manteranse con formación a distancia, con leccións por televisión e clases virtuais. 

Onde non se retomarán as clases até pasado o verán é en Italia. O Goberno decretou o pasado mes de abril o paso de curso do conxunto do alumnado e renunciou a finais dese mes á reapertura dos centros antes do verán, como medida de "cautela". Haberá, con todo, unha avaliación de esforzo dos meses de educación a distancia e recuperacións en setembro das materias suspensas. Tamén a selectividade italiana verase trastocada polas restricións da pandemia: suprímense as avaliacións para acadar nota para o ingreso á universidade, e as probas consistirán nun exame oral telemático.   

Por contra, Alemaña reanudou xa a principios deste mes, de forma gradual, a docencia presencial para o alumnado do último curso de primaria e fin de etapa de ciclos profesionais. Nin volveron todos os cursos nin son presenciais todas as materias, senón que se priman unicamente as troncais. As estritas medidas de prevención de contaxio fixan grupos reducidos de 15 persoas por aula e mecanismos de distancia social para o estudantado, e non se permite a saída da aula nos tempos entre clase e clase.

Aínda que a máscara non é obrigatoria dentro da aula, si hai orde de lavar as mans con asiduidade e recomendación de ventilar as dependencias educativas. Para minimizar riscos están suspendidas as actividades deportivas e os coros e os recreos realízanse de forma escalonada.

En Francia, o colexio reabriu a semana pasada para o alumnado de infantil e primaria, con preferencia para os cursos considerados "prioritarios" e para fillas e fillos de persoal esencial e alumnado vulnerábel. Tamén neste caso, as normas de prevención inclúen a redución da ratio por aula e a separación dos pupitres, ademais de medidas de distancia con marcas nas mesas, no chan e nos patios.

En abril, o Goberno francés suspendeu a selectividade e definiu o ingreso á universidade mediante avaliación continua. A volta ás aulas na secundaria dos centros franceses comezou esta semana nas rexións con mellor situación epidemiolóxica, se ben a pasada segunda feira decidiuse volver fechar 70 dos 40.000 centros de ensino reabertos, tras detectarse novos casos de coronavirus. Europa