Tres días de espera en observación por unha cama hospitalaria no CHUS

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago denuncia un novo colapso no servizo de urxencias do hospital Clínico, con tres doentes á espera de cama durante máis de 48 horas.

A entidade de pacientes e persoas usuarias describe "unha situación permanente de colapso" nas urxencias do CHUS, con "doentes aparcados nos corredores de acceso en padiolas e cadeiras de rodas ou almacenados na sala de observación agardando por unha cama en planta".

Asegura nun comunicado que o servizo vive instalado nesas circunstancias "co consentimento dos seus responsábeis e da Xerencia".

Segundo di, a asociación tivo coñecemento de que o pasado día 21 de outubro as 15.00 horas, até nove pacientes cualificados como graves "estaban aparcados nos corredores de acceso do servizo padecendo a vulneración do seu dereito a intimidade e dignidade". Outros 33 pacientes estaban pendentes de ingreso, engade, dos cales tres levan desde o día 19 na sala de observación agardando por unha cama hospitalaria.

Normalización do colapso

A normalización do colapso das urxencias por parte do xerencia e dos responsables do servizo, asegura a organización, "está xerando un estado de desconfianza na poboación que obriga a moitos a ter que acudir a sanidade privada, producindo a deslexitimación do sistema público de saúde que redunda nun proceso de demolición programado".

Non só existen graves problemas estruturais e de definición do modelo sanitario, senón que tamén hai unha manifesta incapacidade ética e profesional por parte dos responsábeis sanitarios para xestionalo

Doentes e usuarias do CHUS non atopan explicación para que haxa pacientes agardando por unha cama máis de 48 horas "cando nas últimas 24 horas o nivel de ocupación do Clínico, segundo os datos publicados no Pulso do CHUS, era de 49%".

"Como é posible que se almacenen 33 pacientes na sala de observación, que non garante a intimidade, cando no hospital Gil Casares existen camas dispoñíbeis fechadas desde o 12 de agosto? ", cuestionan.

E aínda máis, preguntan, "como se poden manter tres pacientes máis de 48 horas en observación cando os protocolos e recomendacións sanitarias din que non poden permanecer nesa situación máis de 24 horas?

As recomendacións da Valedora

A asociación censura que o hospital porfíe nesta práctica en contra das recomendacións da Valedora do Pobo, que chama a atender os doentes fóra dos corredores de acceso, xa que esa localización "vulnera o dereito fundamental a intimidade e dignidade".

Neste sentido, tamén cuestiona o incumprimento, por parte da Xerencia, das normas de calidade que exixen garantir os dereitos dos pacientes "permitindo que o servizo de urxencias sexa un almacén no que a sobrecarga de atención impide ao persoal sanitario dar unha atención de calidade".

Incapacidade e falta de compromiso

Usuarias e pacientes do CHUS conclúen que "despois de tantos anos soportando esta situación" a única resposta a tal desleixo "só pode ser" que ningún dos responsábeis do servizo nin do hospital "está comprometido co sistema público de saúde".

Isto ten un prezo que pagamos os pacientes en saúde e os profesionais sanitarios en condicións laborais e en calidade asistencial

De ser así, apostilan, xa terían renunciado, dimitido ou adoptado medidas paliativas. "Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS temos a convicción de que non só existen graves problemas estruturais e de definición do modelo sanitario, senón que tamén hai unha manifesta incapacidade ética e profesional por parte dos responsábeis sanitarios para xestionalo. E isto ten un prezo que pagamos, primeiro, os pacientes en saúde e expectativas de curación e, segundo, os profesionais sanitarios en condicións laborais e en calidade asistencial".